BNG reclama que o MITMA deixe de utilizar glifosato para a limpeza viaria

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado un cambio nas súas políticas, que elimine o uso deste herbicida adiantándose á súa prohibición na Unión Europea, e que aposte pola limpeza manual ou mecánica.

Urxe o MITMA e o MITECO a unha colaboración para evitar danos colaterais como a filtración e a contaminación das augas, tal e como amosan as análises realizados no Miño-Sil

BNG reclama que o MITMA deixe de utilizar glifosato para a limpeza viaria

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, reclama ao Goberno do Estado que mude a súa política na utilización de glifosato e outros herbicidas na limpeza viaria polas graves consecuencias que ten para o medio ambiente. A formación nacionalista rexistra iniciativas tras coñecer o informe do MITECO e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que expón niveis altos deste tóxico nas augas.

O informe elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil revela elevados niveis de glifosato e o seu metabolito, AMPA, nos puntos da rede de control de augas superficiais. Por exemplo, no Concello do Incio, Lugo, o valor recollido no río Mao multiplica por 2,5 os valores tolerábeis, caso similar aos datos recollidos noutros próximos como o caso do río Narla ou O Lío, que multiplican por 14 ou 19 os valores aceptábeis.

“Pese a este informe, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana segue a promover o uso deste químico e outros herbicidas reservando partidas específicas nos OXE de 2022 para a limpeza viaria” recrimina o deputado nacionalista. Non se entende que non exista unha coordinación entre o MITMA e o MITECO para a eliminación do uso destes compostos químicos, sobre todo sendo un deles o competente en materia de medio ambiente e encargado da preservación dos recursos hídricos. “Temos que rematar co uso masivo do glifosato e outros compostos químicos para protexer os nosos ríos e medio natural” enfatiza Rego.

A este argumento súmase a revisión da clasificación, etiquetado e envasado (CLP) de produtos químicos como o glifosato por parte do Comité de Avaliación de Riscos da ECHA no marco do Regulamento da Unión Europea e que despois do proceso de avaliación do risco por exposición que fará a EFSA, acabará supoñendo, previsiblemente, a súa prohibición.

“Todo apunta a que o glifosato será ilegalizado no seo da Unión Europea. O Goberno do Estado ten a posibilidade de adiantarse e frear as nefastas consecuencias que supón o emprego destes compostos químicos” alerta o deputado Néstor Rego. Polo tanto, demanda ao executivo un cambio na súa política en materia de limpeza viaria e aposte outras accións para a eliminación das malas herbas como poden ser os traballos manuais e mecánicos que, ademais de máis respectuosos co medio, favorecen a creación de postos de traballo. Con esta mudanza, evitaríanse danos colaterais, tanto na terra como a súa filtración e contaminación nas augas superficiais e profundas.


 

BNG reclama que o MITMA deixe de utilizar glifosato para a limpeza viaria