BNG reclama a plena compatibilidade entre a xubilación das clases pasivas e a actividade de creación artística

Néstor Rego
Néstor Rego
É necesario modificar a normativa para evitar “un tratamento que supón unha discriminación flagrante” ao impedir compatibilizar no caso dos xubilados anticipados ou que non accederan co cen por cen da pensión.

BNG vén de rexistrar no Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado permita compatibilizar a prestación por xubilación das Clases Pasivas do Estado co exercicio dunha actividade- por conta propia ou allea- que dea lugar á inclusión do seu titular en calquera réxime público da Seguranza Social. Esta compatibilidade aplicaríase a todas as persoas xubiladas, non soamente aos xubilados con máis de 65 anos, e mesmo que accedan a unha porcentaxe aplicábel para determinar a contía da pensión de cen por cen.

A reclamación de permitir compatibilizar a actividade de creación artística coa pensión de xubilación levaba anos encima da mesa e, finalmente en 2019 fíxose posíbel, coa súa inclusión tamén nos Orzamentos do Estado. Porén, en moitos casos, a actividade de creación artística que se realiza de maneira habitual para medios de comunicación escritos- tanto en papel como dixitais- non supón só o pagamento de dereitos de autor, ou colaboracións puntuais, senón que exixen ben un contrato laboral ou ben a incorporación ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos, para poder recibir a remuneración correspondente ao seu traballo.

Así, a regulación introducida en 2013 permite compatibilizar o exercicio dunha actividade por conta propia ou allea, que de lugar á inclusión do seu titular en calquera réxime público de Seguranza social, pasando a ser a contía da pensión equivalente ao cincuenta por cento do importe resultante no recoñecemento inicial. Mais para acceder a esta compatibilidade, a normativa actual exixe o cumprimento de dous requisitos: o primeiro, que a idade de acceso á pensión de xubilación ou retiro debe ser, cando menos, a estabelecida como idade de xubilación forzosa; e, segundo, que a porcentaxe aplicábel para determinar a contía da pensión debe ser de cen por cen.

“É dicir, só poderán acollerse a esta variante quen proveña da xubilación ordinaria e á idade ordinaria ademais, ou ben quen proveña da xubilación atrasada e incentivada; non así da anticipada e penalizada” denuncia o deputado do BNG. É, pois, aplicábel exclusivamente aos que se xubilaran con máis de 65 anos, ou de 65 anos e algúns meses, “en función da carreira de cotización acreditada e que gocen dunha xubilación total por importe igual ou superior a 100% da base reguladora, é dicir, pensionistas cunha larguísima carreira de cotización, de 35 ou máis anos”.

Esta diferenciación, para o deputado nacionalista, é unha “verdadeira inxustiza” posto que penaliza a aqueles que, acolléndose ao seu dereito de xubilación anticipada, manteñen ou deciden iniciar “unha actividade complementaria” que exixe a inclusión nun dos réximes da Seguranza Social. É ademais, inxusto pois “esa limitación non se levanta unha vez que o pensionista alcance efectivamente os sesenta e cinco anos, ou a idade correspondente para a xubilación forzosa, con independencia da idade que tiña ao acceder á prestación ou da súa base de cotización”.

Rego apunta que o executivo estatal ten que revisar a normativa que regula esta compatibilidade para garantir que todas as persoas xubiladas que queiran, poidan compatibilizar a xubilación con outro tipo de actividade como as anteriormente comentadas. “Non soamente os xubilados con máis de 65 anos e co cen por cen” explica Rego. De non facelo, esta “diferenza de tratamento supón unha discriminación flagrante” por non permitir a posibilidade de compatibilizar pensión e traballo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG