BNG reclama que a pesca artesanal galega e o marisqueo sexan excluídos do regulamento de control da pesca da UE

Ana Miranda e Carmela González
Ana Miranda e Carmela González
Ana Miranda e Carmela González participaron no Porto de Vigo na concentración convocada pola Federación Galega de Confrarías
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada Carmela González, manifestaron a oposición do Bloque ao aumento dos controis na pesca artesanal galega e no marisqueo, tal e como contempla o novo Regulamento de Control da Pesca da UE. As nacionalistas reclamaron a exclusión da pescar artesanal galega destes novos controis, que refiren, por exemplo á obriga de declarar telematicamente as súas capturas antes de entrar a porto e de instalar cámaras a bordo en embarcacións de menos de doce metros de eslora para controlar a obriga do desembarque das capturas.

“Consideramos moi lesivo ese regulamento”, denunciou Ana Miranda, tras asistir no Porto de Vigo ao paro da frota convocada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores xunto á deputada Carmela González. A portavoz do BNG en Bruxelas criticou duramente que o PP e o PSOE defendan en Galiza que non se aplique esta normativa europea pero que en Bruxelas votaran a favor da súa aprobación, nun “exercicio de hipocrisía”, segundo apuntou a deputada nacionalista. “Poden dicir agora o que queiran, pero o regulamento leva tramitándose desde o 2018 e tivo que ser o sector pesqueiro e marisqueiro o que está reivindicando as competencias propias e que Galiza é unha nación pesqueira”, manifestou Miranda.

“Desde o BNG queremos que a frota artesanal galega sexa excluída do regulamento de pesca”, manifestou Miranda, ao tempo que considerou que se trata “unha afrenta por parte de Bruxelas, un desleixo por parte do Estado e por parte da Xunta e unha hipocrisía por parte do PP e do PSOE, que votaron a favor”. Ademais de avanzar a presentación de novas iniciativas nos distintos parlamentos, a portavoz do BNG en Bruxelas asegurou non descartar a celebración dunha reunión co comisario de Pesca “en breve”, para expoñerlle directamente a situación.

Descoñecemento do sector en Europa

A deputada Carmela González, pola súa banda, criticou que o novo regulamento “ignora por completo a realidade da frota galega, de baixura e artesanal do noso país” e “mostra o descoñecemento que en Europa teñen do sector pesqueiro galego”. Denunciou ademais que as sucesivas normativas que se veñen aprobando en Europa teñan como única consecuencia o desmantelamento do sector pesqueiro galego e a perda de postos de traballo. “Galiza é unha nación pesqueira e xa é hora de que os gobernos galego e estatal defendan en Bruxelas que o sector pesqueiro é un puntal básico da nosa economía, tanto pola súa importancia no emprego directo como indirecto”, subliñou.

“Non entendemos as vantaxes que aparentemente aporta este aumento dos controis na calidade e sostibilidade que pretende a Unión Europea, tendo en conta que a pesca de baixura xa ten distintos controis ao realizar declaracións de desembarque e notas de venda”, manifesta a deputada do Bloque. No tocante ao marisqueo, pola súa banda, Carmela González explicou que os bancos marisqueiros están delimitados perfectamente os espazos por especie e son sometidos a continuos controis científicos, “polo que xa é unha actividade cunhas medidas de supervisión, inspección e vixilancia que garanten que é un sector sostible”.

Definición de pesca artesanal

Carmela González criticou a presentación do sector como “un sospeitoso permanente, un presunto delincuente ou como un depredador dos recursos propios, do que eles viven”. Neste sentido apuntou que os maiores beneficiados de que os recursos non se esgoten son, precisamente, eles. Por outro lado, lembrou que o BNG, no Parlamento Galego presentou dúas iniciativas, -aprobadas por unanimidade- nas que se rexeitaban as medidas de control do novo regulamento, se propuña a modificación da definición da pesca artesanal e se defendía a exclusión da frota do sistema de tax e cotas e o exercicio das competencias da Xunta nas augas interiores.

A respecto da definición de pesca artesanal, Ana Miranda apuntou que a definición na que se basea a UE é na eslora de 12 metros. “Nós sostemos unha definición que ten que estar baseada, en primeiro lugar, na definición de competencias propias e xa Galiza define o que é pesca artesanal; no uso de artes sostibles, especificado pola Consellería de Mar; que sexa unha propiedade familiar, ao ser barcos que non teñen que ver coa pesca industrial; e como cuarto elemento, a distancia da costa, en augas interiores; e en quinto lugar, a venda de produto fresco”, explicou, ao tempo que subliñou que con esta definición de pesca artesanal defendida polo BNG “quedaría excluída totalmente do regulamento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG