BNG reclama mellorar e modernizar os servizos ferroviarios na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
Actualizar as frecuencias adaptándoas á realidade galega, a ampliación e flexibilidade dos bonos e a implantación dunha política tarifaria atractiva, ademais garantir horarios confiábeis e adaptados ás necesidades das persoas usuarias deben ser obxectivos prioritarios

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas exixindo a modernización e mellora do sistema ferroviario na Galiza. A organización frentista demanda unha reorganización dos horarios de liñas e frecuencias entre as principais vilas e cidades do País, así como garantir a fiabilidade do servizo e unha política tarifaria que inclúa descontos para rematar coa discriminación que sofren as persoas usuarias de liñas como as de Ourense-A Coruña.

O deputado do BNG volve levar máis unha vez ao Congreso o atraso que sofre Galiza en materia ferroviaria, no que destacan as carencias tanto nas infraestruturas como nas comunicacións diarias entre as principais cidades e poboacións como principais eivas. A formación nacionalista lembra que a mellora dos servizos ferroviarios é prioritaria para alcanzar os obxectivos, tanto europeos como estatais para transformar a mobilidade con modos de transporte sustentábeis e seguros.

“É preciso impulsar investimentos estratéxicos nas infraestruturas e servizos ferroviarios” reivindica Rego. A liña ferroviaria do Eixo Atlántico, Vigo- A Coruña, é unha das que experimentou maior transformación e modernizacións nos últimos anos e converteuse nun dos traxectos de media distancia con máis usuarios do Estado. Mais esta liña, explica Néstor Rego, continúa tendo “importantes carencia e deficiencias que é preciso corrixir para prestar un servizo eficiente, moderno, competitivo e atractivo”.

Para a formación nacionalista, deben solucionarse, de maneira urxente, os problemas relacionados cos horarios. Así, segundo denunciaron as persoas usuarias desta liña, “a oferta de servizos é insuficiente, non responde as necesidades de mobilidade actuais. Produciuse unha diminución das frecuencias en franxas horarias punta de entrada ao redor das 8 e de volta maioritariamente a partir das 15.30, mais tamén con picos de demanda ás 17, 18 e 19 h, imprescindíbeis para a mobilidade interurbana por motivos laborais e de estudos”.

No caso do traxecto Vigo-Coruña hai que ter en conta que o primeiro tren de media distancia sae de Vigo ás 6.40 h. e ten como hora de chegada ás 8.13 h., aínda que realmente chega máis tarde. E os retornos son ás 15 horas, sen relación lóxica cos horarios laborais, e ás 17 h. Tamén había un tren ás 18 h. de luns a domingo, con todo este non ha foi reposto tras a pandemia.

En xeral, a reformulación dos horarios que entrou en vigor a partir de 21 de decembro de 2021 empeorou a situación previa, xa que está feita primando a conexión de AVE con Madrid en detrimento das comunicacións internas entre as cidades galegas. Por este motivo, a organización frentista demanda unha reorganización das frecuencias e liñas para adaptalas aos horarios laborais e estudantís.

En segundo lugar, Rego destaca os problemas relacionados coa fiabilidade do servizo por diversas circunstancias. Os atrasos na saída de Vigo, avarías no tren, subida e baixada de pasaxeiros... “Os trens adoitan chegar con atraso, o que dificulta as conexións con outras liñas ou outros medios de transporte público e supón, ás veces, ter que asumir gastos suplementarios para poder chegar a tempo ao traballo” denuncia o deputado nacionalista.

Así mesmo, Rego sinala a necesidade de implantar unha verdadeira política tarifaria na Galiza. As persoas usuarias denuncian a rixidez na utilización dos abonos e demandan tarifas adaptadas que teñan en conta as circunstancias económicas, laborais e familiares das persoas usuarias. Ademais, debe destacarse o claro abuso polos prezos na liña da Coruña-Santiago-Ourense, “é de máxima prioridade que se finalice coa discriminación que sofren as persoas usuarias desta liña, unha das máis caras en relación coa distancia e condicións do traxecto de todo o Estado” reclama Rego.

En definitiva, o BNG ve imprescindíbel “acometer a modernización e mellora da rede e dos servizos ferroviarios, como instrumento fundamental de vertebración territorial, cohesión social, desenvolvemento sustentábel e conciliación entre a vida laboral e familiar”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG