Congreso

O BNG reclama “máis unha vez” a redución do IVE nas máscaras

Máscara
Máscara

Néstor Rego salienta que o custo das máscaras nunha familia pode ser moi alto e pode resultar case inasumíbel para familias que precisamente pola COVID-19 ou mesmo xa desde antes da crise, atravesasen unha situación económica delicada.

O BNG presentará de novo unha Proposición Non de Lei no Congreso para lograr que máscaras e todo o material de protección sanitaria teñan un prezo accesíbel para toda a poboación.

O pasado mes de maio, o deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, presentou no Congreso unha proposta para a redución do IVE aplicábel ás máscaras e outros métodos de protección de uso obrigatorio entre a poboación e así garantir o acceso e asegurar a saúde das persoas frente a posíbeis contaxios por COVID-19. Catro meses máis tarde, o Goberno español segue sen dar resposta a esta reclamación.

Os nacionalistas alertan que coa chegada do novo curso escolar e ante a evolución da situación de emerxencia sanitaria que estamos a padecer, as familias deberán de prover de máscaras os menores en idade escolar antes de saír para os seus respectivos centros educativos.

O BNG sinala que o custo das máscaras nunha familia pode ser moi alto e pode resultar case inasumíbel para familias que precisamente pola COVID-19 ou mesmo xa desde antes da crise, atravesaran unha situación económica delicada. “É por iso necesario que o Goberno español reduza o tipo de IVE sobre estes produtos sanitarios básicos e que, inclusive, se estabeleza a posibilidade de que puidesen ser cubertos pola Seguridade Social, cando menos no caso de persoas con dificultades económicas para poderen asumir a súa adquisición” explicou Néstor Rego.

O BNG volverá a presentar unha PNL no Congreso para garantir que todas as persoas teñan acceso de forma universal aos medios de protección, pois é claramente unha cuestión de saúde pública para evitar posíbeis contaxios futuros por COVID19.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG