BNG reclama “ir máis alá” no gravame ás enerxéticas, a banca e as grandes fortunas e facelo permanente

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende a suba dos tipos impositivos -a 2% para as enerxéticas e a 5% para a banca- e rebaixar os limiares até metade do proposto no texto lexislativo

“Rexeitamos a idea do pacto de rendas que supón, na práctica, un ‘pacto de perdas’, a exacción das rendas do traballo para garantir as rendas do capital” afirma o deputado

Denuncia a actitude antidemocrática de PSOE que introduce, vía emenda, o imposto ás grandes fortunas “dificultando que se poida modificar o contido da proposta” e impedindo a mellora do novo gravame

O deputado do BNG, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas no Congreso á Proposición de Lei para o estabelecemento de gravames ás enerxéticas, a banca e as grandes fortunas. Defende desligar a prestación patrimonial do pacto de rendas, estabelecer estes gravames como permanentes -e non temporais como estipulan os grupos propoñentes-, así como rebaixar o limiar fixado para as eléctricas -de 1.000 a 500M€- como para a banca -de 800 a 400M€- e a suba de tipos a 2 e a 5%, respectivamente. Critica a actitude do PSOE, que introduce o imposto ás grandes fortunas como emenda, o que dificulta a negociación para introducir melloras neste novo gravame, ao non poder realizar emendas ao texto engadido polo partido de Goberno.

“Levamos tempo reclamando este tipo de medidas. Pensamos que é absolutamente inxusto que, nunha situación de crise social e económica extrema, as grandes empresas enerxéticas e a gran banca aumenten o seu nivel de ingresos de maneira exponencial” lembra o deputado nacionalista. Mais tamén sinala que a frente nacionalista sempre reclamou un gravame que tivese carácter permanente e non temporal.

Entre as emendas presentadas pola organización nacionalista, destaca un primeiro bloque que ten por obxectivo “desligar a prestación patrimonial -como a entenden os propoñentes- do pacto de rendas”. O deputado do BNG rexeita a idea de que estes gravames sirvas para xustificar o chamado pacto de rendas, que mellor habería que denominar “pacto de perdas” porque na práctica supón “unha exacción das rendas do traballo para garantir as rendas co capital”

Para a organización nacionalista, de ningunha maneira un gravame á banca ou ás enerxéticas pode xustificar a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras pola vía da desvalorización e non actualización dos seus salarios conforme a inflación. “Infelizmente isto xa está acontecendo como consecuencia de salarios que non compensan a inflación e, por tanto, pola vía da perda de poder adquisitivo por parte dos traballadores e traballadoras” recrimina Néstor Rego.

“Queremos converter estes gravames en permanentes, non temporais durante 2023 e 2024” especifica Rego. En opinión do deputado nacionalista, formular este gravame como temporal ou conxuntural “é un erro porque non se trata dun negocio que a banca ou as eléctricas fagan neste momento concreto, senón de beneficios escandalosos que viñan de antes e se prolongarán no futuro”.

Alén do máis, o Bloque Nacionalista Galego propón rebaixar os limiares “xustamente á metade” porque entenden que é “excesivamente xeneroso formular o gravame a partir dun volume de negocio de 1.000 millóns para as eléctricas e, para a banca, a suma de comisións e xuros a partir de 800 millóns de euros”. A proposta do BNG estabelecería o limiar en 500 millóns, para as enerxéticas, e 400 millóns, para a banca, así como a suba dos tipos impositivos: de 1,2 a 2%, no caso das eléctricas; e de 4,8 a 5% para as entidades bancarias.

Para o deputado do BNG no Congreso, estas medidas non serían suficientes e anima o Goberno a ser máis ambiciosos para paliar a grave situación que atravesan as clases populares: “Hai que levar a cabo outra serie de actuacións como unha reforma global do mercado eléctrico, eliminar o modelo marxinalista, pór a produción da enerxía baixo control público, recuperar a totalidade dos fondos destinados ao rescate bancario ou, mesmo, limitar por lei as comisións que poden cobrar as entidades bancarias, así como fixar prezos máximos aos combustíbeis e á enerxía á custa dos lucros das grandes empresas” enumera Rego.

“Galiza, como País produtor de enerxía que soporta os custos medioambientais de, primeiro, a implantación das grandes centrais hidroeléctricas e, agora, a expansión de parques eólicos, deben ter a capacidade para estabelecer unha Tarifa Eléctrica propia” reivindica o deputado nacionalista. Este tipo de tarifa diferenciada de enerxía eléctrica para a Galiza, permitiría compensar os custos sociais e medioambientais que provoca e excluír as portaxes e custos que non teñen a ver coa xeración e distribución, especialmente os derivados do transporte de enerxía que non deben sufragar os cidadáns e cidadás galegas.

Furtar o debate e a mellora do texto no imposto ás grandes fortunas

Así mesmo, a organización nacionalista denuncia a práctica antidemocrática do Partido Socialista despois de rexistraren unha emenda que introduce, na Proposición de Lei proposta por PSOE e UP, un novo imposto ás grandes fortunas. “Que introduzan este imposto como emenda dificulta que o resto de grupos políticos poidan realizar emendas nesta nova parte. Entendemos que é unha práctica antidemocrática que furta -ou, cando menos, dificulta- a mellora do texto” explica o deputado do BNG.

“Sempre dixemos que era necesario un imposto ás grandes fortunas mais, que se realice a través dunha emenda introducida polo propio grupo que rexistrou e defendeu a a admisión a trámite da Proposición de Lei no pleno, é unha práctica que limita as posibilidades de negociación e de modificación” destaca Rego.

Con todo, a frente nacionalista buscará a maneira de que este imposto tamén se conciba como permanente. “É imprescindíbel desde unha perspectiva social e de esquerda: que pague máis quen máis ten para evitar o saqueo fiscal dos traballadores e traballadoras e das clases populares”, salienta. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG