BNG reclama incrementar as prazas públicas das residencias de maiores e frear “a drenaxe de fondos públicos para a privada”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil critica que 2 de cada 3 euros dos centros públicos son  destinados a centros privados, non foi construída ningunha residencia pública en 12 anos  e as listas de agarda para  un praza pública é  de  2 anos  

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre o custe da concertación de prazas en residencias de maiores e outros servizos, a deputada do BNG, Olalla Rodil afirmou que os datos constatan “a drenaxe de fondos públicos que non son investidos en nova infraestrutura pública porque van para pagar a prestación das empresas privadas”.

Na súa intervención afirmou que nos  pregos de contratación  para os anos  2020-2021 sobre  prazas concertadas, as empresas que se presentan  “son sempre as mesmas”, entre elas, San Rosendo, Vodegodos ou DomusVi.

Pola súa parte, o  director Xeral de persoas maiores e discapacidade, Fernando González Abeijón confirmou  que o bonoautonomía e a concertación ascenden a “74 millóns de euros ao ano” ao que a deputada replicou  que durante 12 anos  non foi construída ningunha residencia pública e reiterou que acceder a unha praza pública implica agardar dous anos, ao tempo que a Xunta continúa  inxectando fondos aos centros privados.

A deputada tamén  preguntou porque se inverten cantidades que superan os 49 millóns de euros para a concertación e “ningún euro para ampliar a rede de residencias públicas con  prazas de xestión directa”.

En este sentido,  explicou que cada praza pública supón un gasto de 11.780 euros anuais  fronte á concertada con  12.716 ao ano, unha diferencia do 8% con máis de 900 euros de diferencia. O custe dunha praza para unha  persoa dependente e unha autónoma tamén é  diferente. Ao día unha persoa autónoma ten un gasto de 45 euros e unha con dependencia,  52 euros.

Os datos, recalcou Rodil,  avalan que existe “unha drenaxe de fondos públicos para cebar a empresas privadas” aproveitando o inmobilismo do Partido popular que durante 12 anos “non moveu un dedo para que hoxe teñamos unha rede pública e forte para prestar este servizo”.

Estes datos, dixo confirman a necesidade de “incrementar as prazas públicas e os centros de titularidade pública” para garantir un dereito social hoxe convertido “nun lucrativo negocio”.

En Galiza, só o 20% das prazas de residencia son públicas “2 de cada 10” e polo tanto o 80% son privadas.

Sobre o Programa de respiro familiar a Xunta destina 600 mil euros para pagar prazas en residencias privadas  con estadías de  15 días e fin de semana, coidadoras puntuais no domicilio a persoas con discapacidade ou grao de dependencia II / III, cando o urxente é  fortalecer o SAF e abrir centros de día para  organizar o modelo social dos coidados en troques de seguir destinando cartos públicos á privada. Este programa supuxo dende o ano 2011 ao 2019, 1.799.413 euros.

A quinta parte dos maiores de 74 anos viven en lugares cunha  cobertura dos servizos de atención residencial  “nula ou moi deficiente” o que reflicte un índice de atención residencial e centros de día escaso co 29% e  44% respectivamente, de aí a urxencia de incrementar as prazas públicas e os centros de titularidade pública.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG