BNG reclama a incorporación da docencia en gaita de fol nos conservatorios de música da Coruña, Santiago e Pontevedra

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas pide tamén oferta de estudios musicais de posgrao en todo o país e o Grao de Instrumentos de Música Tradicional para A Coruña

BNG reclamou no Parlamento galego a ampliación da docencia académica en gaita de fol nos tres conservatorios profesionais de Música que aínda non imparten esta especialidade, nos da Coruña, Santiago e Pontevedra, así como a oferta de estudios musicais de posgrao nas universidades galegas ou nos conservatorios superiores que permitan acceder a programas de doutoramento en música, de xeito “que faciliten a formación superior en Galiza e eviten a obriga de ir estudar fóra”.

Así o reclamou a portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, na defensa dunha proposición non de lei en comisión parlamentaria na que tamén instou á Xunta a incluír o Grao de Instrumentos de Música Tradicional e Popular na oferta académica do Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Queixas subliñou que, pese a como ben dixo un dos gaiteiros referentes do país, Ricardo Portela, cando falamos da gaita, falamos “da alma de Galiza”, a oferta académica para o seu estudo está limitada a catro dos sete conservatorios superiores dependentes da Xunta (Ferro, Lugo, Ourense e Vigo) e tampouco existen no país estudos musicais de posgrao relacionados coa gaita de fol ou a música tradicional.  

De igual xeito considerou necesaria a inclusión do grao superior de Instrumentos da Música Tradicional e Popular no Conservatorio Superior da Coruña xa que, aínda que existen graos similares en Asturias e en Cataluña, coa gaita de fol, cambiar de territorio implica “cambiar, por pouco que sexa, a morfoloxía do instrumento”.

Ante os argumentos empregados polo PP para rexeitar esta iniciativa, a portavoz nacionalista de Cultura afeou a súa “cultura do si, pero non” e reprobou a utilización das ratios como escusa, nun exemplo máis de como os populares as usan segundo lles convén. “Veñen de ofrecer un millón de euros para a creación dun Conservatorio Profesional en Begonte, pechando un centro educativo de Infantil e Primaria con ratios contrastadas e, sen embargo, rexeitan esta iniciativa encamiñada a acrecentar o coñecemento do noso patrimonio musical nacional”, reprochou.

Neste sentido, concluíu que a negativa do PP a apoiar esta proposición demostra a súa “falta de compromiso coa defensa do noso patrimonio cultural nacional no ámbito da música” e a ausencia de “vontade política para garantir a igualdade de oportunidades” no acceso a estas especialidades formativas.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG