parlamento galego

O BNG reclama a implicación do Goberno galego no caso de “canibalismo empresarial” do Grupo Malasa sobre Noa Madera

Ramón Fernández Alfonzo
Ramón Fernández Alfonzo
Ramón Fernández pide á Xunta que actúe no conflito laboral e que fiscalice as axudas a empresas con prácticas abusivas ou que destrúen emprego    

O BNG reclamou no Parlamento galego a máxima implicación da Xunta no conflito laboral aberto na empresa de Fene Noa Madera Creativa logo da súa adquisición polo Grupo Malasa, así como a fiscalización das axudas concedidas a empresas que, como no caso do grupo con sede en Cerceda, destrúen emprego e manteñen prácticas abusivas.

Segundo explicou o deputado Ramón Fernández, a toma de control de Noa Madera por Malasa pode resumirse nun sintético “caso de canibalismo empresarial; un compro, desmantelo, elimino a competencia e quedo coa clientela, coas instalacións e coa maquinaria”, nun proceso paulatino que se foi desenvolvendo dende que en 2018 se pechase a operación e que tivo como resultado, primeiro, “traslados forzosos de Fene a Cerceda que remataron sendo extincións” e, posteriormente, “un ERE para despedir a 78 traballadores e traballadoras e un ERTE a practicamente todo o resto do persoal”.

“Estamos ante un novo proceso de destrución de emprego na comarca de Ferrol no que os gobernos se poñen de perfil”, condensou Fernández, quen lembrou que foi un Goberno do PP o que decidiu “quitarse do medio destes procesos de EREs e peches de empresas” e que é o Goberno estatal actual, que presume de ser o máis progresista da historia, o que “segue abrazado á reforma laboral do PP”.

O deputado nacionalista por Ferrolterra denunciou a “gravísima deixación de funcións” dos distintos executivos ante operacións societarias que, como no caso da de Malasa-Noa Madera, teñen un custe tan elevado en postos de traballo e, neste sentido, considerou necesario que “os gobernos recuperen a posibilidade de intervir nestes procesos, autorizando ou desautorizando os despedimentos colectivos e os pechen empresariais, tal e como acontecía antes da reforma laboral”.     

Nunha pregunta ante a Comisión de Industria da Cámara galega, Ramón ‘Mon’ Fernández quixo levar así ao centro do debate a situación laboral do cadro de persoal de Noa Madera, para a que pediu á Xunta -como autoridade laboral galega- a súa máxima implicación e sobre a que lembrou que a única proposta de acordo que recibiron as e os traballadores foi unha oferta económica para rescindir contratos.  

Ante as prácticas do Grupo Malasa en Noa Madera, que segundo recalcou “pódense repetir noutras empresas”, o deputado nacionalista instou ao Goberno galego a que fiscalice a concesión de axudas, á luz dos comportamentos sociais das empresas. “Non pode ser que empresas con este tipo de prácticas reciban cartos públicos, recursos que en última instancia achegamos entre todos e todas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG