O BNG reclama igualdade para Ourense coa hemodinámica 24 horas

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas parabeniza á veciñanza de Lugo por conseguir hemodinámica 24 horas tras anos de loita e culpa ao PP de Ourense de que o goberno Feixóo nos siga marxinando.

O BNG volverá pedir no Parlamento que garanta o servizo de forma permanente e se deixe de xogar coa vida das e dos ourensáns con este agravio.

Coñecida a nova de que o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo contará co servizo de Hemodinámica as 24 horas como reivindicaron persoal sanitario e usuarios durante anos, Noa Presas quixo parabenizar á veciñanza de Lugo “pois esta é unha vitoria das persoas e forzas políticas que non se resignaron diante da discriminación que sofre o interior do país e reflexa como se move o Partido Popular que usa o SERGAS para facer precampaña ou para dar melloras puntuais diante da mala imaxe que está dando ao destapárense as carencias froito dos seus recortes”.

Para Presas “é unha inxustiza sen comparación que o Hospital de Ourense continúe sen Hemodinámica 24 horas e que o anuncio da ampliación de horas non nos inclúa. Falamos de salvar vidas, unha non pode escoller ter un infarto en horario laboral; é un servizo de primeira necesidade, non é un luxo ou un complemento prescindible e o único que pedimos e que Ourense sexa igual e tamén reciba a hemodinámica 24 horas”

Para o BNG “A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública tal e como amosan as denuncias de forzas políticas, persoal sanitario e doentes. Non se pode permitir que non se garanta o acceso aos servizos sanitarios en condicións de igualdade e que Ourense siga perdendo mentres outros territorios melloran.”

Finalmente Presas apuntou que “isto é a proba de que ás e aos ourensáns non nos vale de nada ter ao PP no Concello e na Deputación, se Vázquez ou Baltar tiveran a máis mínima vontade de poñer Ourense por riba das siglas do PP non estaríamos así”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG