BNG reclama para Galiza o status político de nación desde un debate sereno no Parlamento e superada a emerxencia

Acto 40 anos estatuto
Acto 40 anos estatuto

Pontón convoca “á gran tarefa de pensar e construír colectivamente unha nova Galiza que nos sitúe na vangarda das nacións prósperas e xustas”

Tras doce anos de seca, pide todas as competencias pendentes porque o mínimo é non perder posicións fronte aos avances de Euskadi e Catalunya

Hai que pasar páxina porque o Estatuto é un traxe que se quedou pequeno xa antes da COVID, tras catro décadas que son a crónica dunha frustración

BNG reclama para Galiza o status político de nación desde un debate sereno no Parlamento e superada a emerxencia

BNG escolleu o Pazo-Colexio de Fonseca, sede do Parlamento entre 1982 e 1989, para reclamar para Galiza o status político de nación nun acto convocado con motivo do 40 aniversario do Estatuto, que define como “fórmula escrita no pasado que hai que superar”, abrindo un debate “tranquilo” unha vez superada a pandemia.

“O noso horizonte é claro, queremos un novo status político para Galiza que nos recoñeza como o que somos: unha nación, e avanzar cara unha relación co Estado de tipo confederal. Para iso é necesario abrir un debate sereno e tranquilo no Parlamento e, superada a emerxencia deste momento, teremos que abordar este debate, porque non podemos permitir que Galiza, como nación histórica, quede relegada cando Euskadi e Cataluña avanzan nesa dirección”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención.

Para conseguilo, a líder nacionalista fixo un chamamento a superar un pasado “conformista” para sumarse ao “reto colectivo” de construír a Galiza do futuro.

“Hoxe quero convocar a unha grande tarefa para esta década, a de pensar e construír colectivamente unha nova Galiza, quero convocar a un gran soño colectivo, non de simples reformas, senón de grandes transformacións, non de simples pasos adiante, senón de ambiciosos saltos cara ao futuro, cara a un porvir que nos sitúe na vangarda das nacións máis prósperas e xustas”, proclamou.

O BNG reclama superar o actual marco  e darlle  a Galiza o status de nación nunha relación confederal co Estado pero, como explicou Pontón, é consciente da actual correlación de forzas no Parlamento cun PP “que non quere unha Galiza máis forte como evidencian doce anos de Goberno sen unha soa transferencia”. Neste sentido, demanda “que se abra a transferencia de todas as competencias pendentes, porque o mínimo é cumprir o Estatuto tras 40 anos e cando hai máis de setenta ámbitos onde se pode incrementar as competencias de Galiza”.

Pontón reivindicou ao BNG como herdeiro das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, do Partido Galeguista, “pioneiros na defensa de Galiza como nación e do seu dereito á libre determinación”, e deixou claro que o actual Estatuto non serviu para solucionar os problemas estruturais, como a crise demográfica, a emigración, a precariedade laboral ou o espolio dos recursos do País, “mostra das limitacións deste marco”.

Limitacións que xa eran evidentes antes da pandemia e que esta crise non fixo máis que agudizar.

Capacidade real de decidir

 “Antes da COVID estaba claro que nos quedaba pequeno un traxe deseñado 40 anos atrás, agora resulta evidente que vivimos nun tempo distinto e que precisamos unha fórmula nova pensada para dar resposta aos grandes desafíos que temos no presente e no futuro”, argumentou Pontón, indicando que tiña tres anos cando foi aprobado e que, como ela, máis de medio millón de galegos e galegas que hoxe teñen menos de 55 anos foron alleos ao proceso.

“Non é xusto que nos digan que como se votou hai catro décadas non podemos opinar, nin traballar para facer unha Galiza máis forte e mellor”, reclamou, e cando o BNG apela a ter capacidade de decisión está pensando en como reforzar a sanidade pública, como ter un modelo de atención aos maiores que garanta o seu dereito a unha vellez digna, como xerar emprego de calidade ou como lograr a igualdade real.

Nación sen tutelas

E para iso,  esta debe ser “unha nación con verdadeiro autogoberno e non con poder delegado ou tutelado”, deixar atrás catro décadas “que son a crónica dunha frustración” porque os grandes problemas estruturais seguen pendentes de solución, aínda que tamén foron catro décadas de “aprendizaxe e de grandes leccións de dignidade, desde Nunca Máis, ás mobilizacións masivas do feminismo, pasando pola recuperación do Pazo de Meirás”.

Con toda esa bagaxe e experiencia acumulada, indicou Pontón, “temos que escoller se queremos decidir nós o noso futuro ou se imos deixar que decidan por nós a centos de quilómetros; se temos un proxecto propio ou se imos administrar o espolio dos recursos e a riqueza do País”. Para a líder nacionalista, “a clave é superar esa encrucillada histórica e ter poder político, instrumentos económicos, financeiros e fiscais para poñer en marcha a Galiza do futuro”.

“O pobo galego, -concluíu-, pode ter a certeza de que o BNG vai traballar para facer realidade a Galiza forte, viva, puxante, próspera e igualitaria que queremos”, tendo claro que este País “non quere ser figurante dunha historia escrita por outros, quere escribir o seu propio guión, ser protagonista e poñerse ao volante da súa propia historia”.

 

BNG reclama para Galiza o status político de nación desde un debate sereno no Parlamento e superada a emerxencia