BNG reclama dotar de persoal a Axencia Galiza de Calidade Alimentaria e mellorar o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas denuncia “o desmantelamento” da investigación agraria e acusa ao PP de  “intereses especulativos” sobre fincas e centros de investigación

O deputado do  BNG, Xosé Luís Rivas defendeu unha proposición non de lei, na comisión de Agricultura,  para garantir a xestión e contratación de persoal da Axencia galega da Calidade Alimentaria e  iniciar as melloras do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

O parlamentario demandou eliminar a Fundación do Centro Tecnolóxico da Carne e integrala na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) modificando o RTP para evitar a eliminación de postos de persoal investigador e adscribir esta categoría á escala de persoas investigadoras e expertas en desenvolvemento tecnolóxico.

Na súa intervención, Xosé Luís Rivas tamén reclamou unha “dotación económica plurianual” para facilitar a contratación temporal de persoal investigador, convocar concurso de oposición para cubrir os postos vacantes e desenvolver un programa trianual, con “2 millóns de euros para mellorar o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo”, con cargo aos orzamentos do 2022.

Rivas explicou que no ano 2006, o Centro tecnolóxico da Carne foi dotado con persoal investigador co fin de complementar as actividades de investigación desenvolvidas polo CIAM. No ano 2008, foi construído o novo edificio do LIGAL en Mabegondo para velar pola “alta calidade do leite” e coa intención de crear un complexo tecnolóxico de I+D en colaboración co CIAM en diversos proxectos de investigación, en materia de mellora da calidade das forraxes utilizadas nas explotacións agrarias leiteiras para predicir o seu valor nutricional e reducir os custes de alimentación.

“Nada se investiu desde aquela, nin se volveron cubrir, mediante persoal especialista, as vacantes do persoal funcionario, altamente competente nas respectivas áreas de investigación”, como a mellora xenética de millo, mellora de pratenses, produción de carne de vacún, etc, e foron  pechadas  liñas enteiras de traballo co conseguinte “desmantelamento”.

Mentres acontecede isto, dixo o nacionalista, o Partido popular anuncia a Lexislatura do Rural, “operación propagandística dirixida a agochar as consecuencias  das súas erráticas políticas” e a pesar de repetidas promesas non se observa unha mellora na situación do sistema público de investigación agraria dependente da Consellería de Medio Rural.

Por outra parte, o borrador da RPT da AGACAL que integra os centros de investigación da Consellería recolle a “desaparición de postos de persoal investigador e de apoio á investigación, cunha redución económica para o CIAM de 350.000 euros ao ano”.

Ademais do persoal investigador funcionario da AGACAL, hai “11 postos de persoal doutor e tecnólogo que son persoal laboral da propia axencia”, na actualidade constitúen un activo esencial para as actividades de investigación da axencia e seleccionados pola  súa especialización nas oposicións públicas convocadas  polo INGACAL no ano 2008. Este persoal altamente especializado, está nunha especie de “limbo administrativo sen carreira investigadora nin promoción laboral” e  tal e como queda a RPT, “habería aínda 7 postos de investigación vacantes de persoal funcionario”.

A presente Lexislatura botou a andar coa proposta de crear unha Fundación Agraria Aplicada coa fin de integra-lo I+D+i  público nunha única estrutura. Propúxose así, unha modificación da estrutura existente da AGACAL orientando a xestión cara a unha fundación.

Asemade, dixo, as partidas  consignadas para investimentos en equipamento científico e  maquinaria de todo os centros da AGACAL pasou de  400.000 euros no 2020 a 150.000 no 2021 e resulta chamativa a partida de fondos FEDER REACT (4M€) para o “Centro de Promoción e Imaxe Espello de Rural Sergude “ . Non se entende cal é o obxecto da principal partida de investimento do programa de investigación agraria, se non é a de promover unha imaxe virtual do rural galego utilizando fondos deste programa en vez de acometer un decidido programa de mellora dos centros públicos de I+D+i da Consellería do Medio Rural.

Tras a intervención do portavoz popular, José Armada Pérez  o deputado do BNG criticou o interese do PP nos  bens activos, “basicamente fincas para especular” como o “desafiuzamento da finca d Bos en Guísamo cedida ao Proxecto Home no ano 2009”. A finca, explicou o nacionalista,  contén unha colección de maceiras, máis de 40, con variedades de mazá de sidra e de mesa do país,  unha colección de froita de óso, instalacións de secado, limpeza e procesado de semente de trigo autóctono, vital para o desenvolvemento e mantemento dos xenotipos nas sementes de trigo utilizado pola IXP, Pan Galego.

O parlamentario do BNG lamentou o voto en contra do PP á iniciativa nacionalista e afirmou que o Partido popular “é o principal  responsable do despoboamento no rural e que os gandeiros continúen petando ás portas da administración para  que escoiten as súas reivindicacións”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG