BNG reclama devolver a control público as torres aéreas da Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
Rego exixe a restitución do contrato da traballadora da torre de Vigo que foi despedida con presións pola negociación dun novo convenio colectivo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para coñecer a postura do Goberno do Estado tras o despedimento dunha controladora aérea en Vigo nun posíbel contexto de presións ante a negociación dun novo convenio colectivo. A formación nacionalista exixe melloras nas condicións de traballo das persoas empregadas nas torres de control de Vigo e A Coruña, privatizadas a día de hoxe, por consideralo un traballo de vital importancia e que debería ser realizado coa ausencia de calquera tipo presión.

O despedimento dunha traballadora na torre de control aérea en Vigo acendeu as alarmas da organización nacionalista posto que, na actualidade, estase negociando un novo convenio colectivo para os controladores aéreos das torres privatizadas. As e os profesionais destas torres, Vigo e A Coruña, forman parte do grupo de controladores con peores condicións laborais de toda Europa.

“Queremos coñecer cal é o número de controladores aéreos que foron despedidos en todas as torres de control desde que comezaron a operar as torres privatizadas” subliña o deputado nacionalista, así como tamén quen foi o encargado de executar estes despedimentos. Así mesmo, ante posíbeis presións laborais no medio da negociación do convenio colectivo, quere coñecer se AESA investigou ou é coñecedora dalgún tipo de presión engadida.

A día de hoxe, varias das torres de control da Galiza atópanse en mans privadas mais non repercute positivamente no servizo prestado, todo o contrario, son as torres que manteñen o control público as que únicas que viron como as condicións laborais seguen respectándose, e os seus traballadores e traballadoras non teñen presións engadidas pois as súas condicións laborais, a pesar de que son mellorábeis, están acordadas no marco dun convenio colectivo digno.

O que está a acontecer nas dúas torres de control low cost privadas da Galiza, segundo o deputado nacionalista, non pode ser asumíbel por parte do executivo estatal “e debe tomar medidas”. As empresas que xestionan este servizo público só buscan incrementar a marxe de beneficios, recortando persoal e gastos salariais, ademais de empeorar as condicións, isto repercute nunha peor calidade do servizo e inflúe tamén negativamente na seguridade aérea.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG