BNG reclama cumprir coa monetarización dos plans industriais do concurso eólico do ano 2010 e depurar responsabilidades políticas polos incumprimentos

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará  exixiu os expedientes dos plans industriais  e monetarizacións e investigar posibles irregularidades pola falta de reclamacións das cantidades

Anunciou que si o PP persiste en negar a documentación, o BNG acudirá  á xustiza 

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará defendeu unha moción instando á Xunta a trasladar ao Parlamento de Galiza, os expedientes dos plans industriais e monetarizacións  do concurso eólico do ano 2010 e anunciou que si o PP persiste en negar esta documentación, o BNG acudirá á xustiza.

Ademais, o deputado propuxo revisar “de oficio” os expedientes dos parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás co fin de garantir o compromiso de monetarizaicón como figura na adxudicación do concurso eólico e non permitir a condonación das cantidades endebedadas por este incumprimento.

Bará recalcou que urxe “defender o interese público e nese sentido volveu a reclamar os devanditos expedientes sobre o desenvolvemento dos plans industriais ou da correspondente monetarización. Por outra banda, tamén se referiu a obriga do goberno a dar conta  dos ingresos xa percibidos dos parques eólicos adxudicados no concurso do 2010.

A iniciativa defendida polo deputado do BNG foi rexeitada polo Partido popular.

Investigar as irregularidades por non reclamar as cantidades da monetarización

O nacionalista demandou “unha investigación interna” sobre posibles irregularidades por non reclamar cantidades derivadas da monetarización e no caso de incorrer en “responsabilidades políticas”, a súa depuración.

Na defensa da moción, Bará preguntou a quen está protexendo o Partido popular para negar a documentación requirida polo BNG? Por que a Xunta perdoa as empresas as cantidades polos proxectos eólicos e non as reclama para as arcas públicas “tan necesarias para rematar cos recortes en educación e sanidade”.

Para do deputado,  o goberno central e a Xunta despois de “exprimir a terra inzando Galiza de parques eólicos agora pretenden levalos ao mar a pesar das consecuencias negativas que terán para a nosa costa e pesca”. O problemas, radica, dixo nas estimacións  do Plan Nacional  de Enerxía e Clima do Estado e da Axenda enerxética de Galiza para o 2030 que nós “xa superamos”. Dende o BNG, engadiu, estamos moi preocupados porque existen 9.400 MW con permisos de conexión que  contarían con  este beneplácito para a “aceleración dos proxectos eólicos”.

O deputado negou que o modelo eólico da Xunta sexa ordenado, garantista e respectuoso co territorio, porque representa  “unha auténtica barbaridade, un espolio, e un  saqueo”. O seu modelo, reiterou Bará, ilustra a “depredación” amparada pola lei do sector eléctrico do ano 2013 e a transposición á lei galega do 2017 de Iniciativas empresarias “abrindo a barra libre” para a implantación masiva de parques eólicos.

Na actualidade, a cidadanía está “preocupada e alarmada pola invasión eólica” mentres a Xunta e  o goberno do estado continúan denominándoa Transición Enerxética. Cando na realidade é “unha traizón enerxética e un ataque contra Galiza e o seu medio rural”.

Bará criticou que o Partido popular continúe defendendo os parqués eólicos como o “maná” que vai salvar o rural cando en realidade, os proxectos acaban coa vida do rural, a paisaxe, a biodiversidade e sobre todo, “coa vida das persoas que teñen os seus proxectos económicos nestas zonas”

Neste momento, recalcou o nacionalista, o goberno galego fixo tan mal as cousas que xa está denunciado pola vía penal por “presunta prevaricación e malversación”. Dende o BNG seguimos reclamando a información dos expedientes industriais e a súa monetarización como o relacionado con Greenalia con 11,7 millóns de euros sobre dous parques, pago que a Xunta perdoou a empresa como tamén sucede con outras  21 empresas que presentaron proxectos industriais e que posteriormente solicitaron a monetarización.

Que problema hai para que non remitan a información que solicitamos dende o BNG?  Que vai pasar con empresas como Greenalia, Acciona, Cortizo, Fenosa.....que se comprometeron a investir en  proxectos industriais que non cumpriron ou a pagar por eses parques públicos adxudicados, como Fenosa, por máis de 1.175 Millóns de euros e que non pagaron’ volveu a preguntar o nacionalista.

A moción defendida pola BNG  foi rexeitada polo Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG