Galegas 2016

O BNG reclama a CRTVG un debate "a dobre volta" entre candidat@s e en horario de máxima audiencia

Goretti Sanmartín

A coordinadora da campaña electoral do BNG, Goretti Sanmartín sumou a esta reclamación a celebración de debates provinciais entre os cabezas de lista das forzas que concorren as elección do 25S

Goretti Sanmartín en rolda de prensaPara a coordinadora da campaña electoral do BNG, Goretti Sanmartín resulta “esperpéntico” que a estas alturas o BNG recibira propostas de debates en medios privados e públicos doutros territorios e non saibamos nada, dixo, da Televisión y da da Radio pública de Galiza.

Sanmartín que compareceu en rolda de prensa reclamou un debate “a dobre volta” entre os candidatos das principais forzas políticas co fin de contrastar propostas e programas e explicou que, a quince días dunha campaña electoral resultaría unha “broma de mal gusto” que o BNG participara en debates de máxima audiencia en todos os medios excepto na Compañía de Radio Televisión Galega que “pagamos entre todos e todas” e que debe estar ao servizo do pobo galego.

“Queremos debates serios en formatos de máxima audiencia e non simulacros de debates en horarios intempestivos e nos que a maior parte da xente está a traballar”. O debate, reiterou, debe ser “a dobre volta” entre candidatos e candidatas das principais forzas políticas que concorren ás eleccións e nese horario de máxima audiencia para poder trasladar alternativas e propostas.

Ademais deste debate xeral, a coordinadora da campaña electoral do BNG asegurou que é necesario que se celebren debates entre os candidatos e candidatas das diferentes provincias para contrastar as propostas vinculadas a outros territorios e que “as veciñas e veciñas das respectivas circunscricións electorais teñen dereito a coñecer”.

 Queremos que Feijóo dea a cara

Para a coordinadora da campaña do BNG, Feijóo non pode seguir utilizando a TVG como o seu gabinete de prensa e debe “ dar a cara” nun debate “a dobre volta” co resto dos candidatos para que os galegos e galegas podan recoller as propostas dunhas e outras forzas política e poder decidir dende “ a liberdade e a información”

Goretti Sanmartín remarcou o papel dos medios públicos como vehículos fundamentais de información polo que reiterou a necesidade de celebrar debates que transmitan propostas de futuro para o pobo galego ante a “sangría da emigración da mocidade, a deterioración dos servizos públicos, pola sanidade, polo comezo do período escolar, con que recursos imos contar para un ensino público e de calidade, o desemprego”, e coñecer as medidas que queren aplicar as diferentes forzas políticas a este respecto. Sanmartín tamén se referiu á corrupción da que dixo, nós queremos debater sobre esta cuestión e que a xente coñeza as diferentes alternativas das forzas políticas. “ Non nos vale un debate feito dende Madrid nin tampouco un simulacro de pacto anticorrupción protagonizado por un partido imputado”. A credibilidade que nos ofrece “este teatro”, entre Partido Popular e Cidadáns é nula.

Debates con propostas programáticas, solucións e esperanza para que este país teña futuro, poida decidir por si propio porque é “un país rico e con recursos que as veces non nos deixan desenvolver”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG