BNG reclama no Congreso unha transición ecolóxica social e territorialmente xusta

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende unha reforma profunda no sistema eléctrico estatal que garanta unha transición xusta socialmente, a comezar pola nacionalización das grandes compañías eléctricas

A formación nacionalista defende a eliminación dos impostos engadidos no recibo eléctrico e a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega por ser un País produtor excedentario de enerxía eléctrica

O deputado Néstor Rego, defende no Congreso a emenda de devolución presentada polo BNG ao Proxecto de Lei polo que se crea un Fondo de Sustentabilidade do Sistema Eléctrico pois considera imprescindible abrir en sede parlamentar un debate profundo sobre as políticas que é necesario implantar para lograr un verdadeiro abaratamento da factura, e da imprescindible reforma do sistema eléctrico. A transición enerxética verdadeiramente xusta non pode recaer unicamente nas maiorías sociais e nas clases traballadoras, nin pode facerse a costa do espolio dos recursos naturais do territorio galego.

A aprobación deste Proxecto de Lei suporá unha rebaixa no custo do recibo eléctrico mais producirá o efecto contrario nos carburantes e no gas natural. Ambos encarecerán o seu prezo mais no Proxecto tamén estabelece determinadas excepcións como o gasóleo B para uso agrícola, a navegación (incluída a pesca); e mecanismos de compensación para o transporte de mercancía por estrada, transporte de pasaxeiros, taxis ou servizo de aluguer de vehículos sen condutor.

“Mais con esta regulación o único que se logra é trasladar os custes dun produto a outro: da enerxía eléctrica aos carburantes. Isto non é aceptábel porque o proceso de descarbonización recaerá fundamentalmente sobre as maiorías sociais e as clases populares na súa condición de consumidores de servizos básicos” explica o deputado do BNG. “Non poden considerarse como unha transición xusta e por iso reclamamos que o Proxecto sexa devolto ao Goberno do Estado e afondar no debate sobre o abaratamento da factura da luz” reivindica Rego.

A formación nacionalista propón como alternativa ao Proxecto que os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) asuman o pago das primas “o que suporía unha rebaixa real de produtos básico como a electricidade e os carburantes e garantiría unha transición xusta”. As primas, segundo apuntou Rego, nacen dunha decisión política para impulsar as enerxías renovábeis mais esta decisión nunca debería ter sido trasladada aos recibos eléctricos. “A creación dun fondo de sustentabilidade podería ser útil se se prevé o seu fornecemento con achegas a cargo das grandes empresas eléctricas ao tempo que se lles prohibe que trasladen ese custo ás persoas consumidoras. Así, evitaríase o que xa pasa agora, por exemplo, co imposto á xeración de enerxía que as empresas eléctricas pagan en teoría, pero que repercuten na factura e que polo tanto, na práctica, pagamos todos e todas”.

“É imprescindíbel un debate profundo e unha reforma do actual sistema eléctrico que conduza a adopción de medidas que verdadeiramente sirvan para abaratar a factura da luz e facela máis xusta socialmente. Neste debate debe estar presente a nacionalización das grandes compañías eléctricas, porque a enerxía é un ben público e a súa produción ten que servir para o desenvolvemento social” demanda o deputado nacionalista. “Agora cos fondos europeos Next Generation as grandes empresas eléctricas apúntanse para recibir diñeiro co fomento das enerxías renovábeis. Só Endesa e Iberdrola solicitan máis de 35.000 millóns de euros” explica Rego mentres sinala que os seus proxectos se financiarán con fondos públicos e sen retorno mentres se lucran co prezo da luz.

Reivindicar a Tarifa Eléctrica Galega

Por último, o deputado nacionalista defende a creación dunha Tarifa Eléctrica propia, pois o territorio da Galiza, como País produtor de enerxía, padece o impacto ambiental e social, porén,  non recibe a cambio ningún tipo de beneficio ou compensación. “Hai comarcas galegas que xeran máis electricidade que toda a Comunidade de Madrid, que é deficitaria nun 95%, e pagan a factura máis cara” critica Rego. “Non pode entenderse que se apliquen igualmente os custes de trasladar a enerxía, cando as persoas consumidoras galegas viven a poucos metros das fontes de produción e que non se compense por soportar a instalación dos parques eólicos ou centrais hidroeléctricas”.

“O BNG seguirá defendendo unha Tarifa Eléctrica Galega que abarate a factura da Luz na Galiza en beneficio das consumidoras e consumidores particulares e das empresas galegas, compensando así o papel da Galiza como produtora excedentaria de enerxía eléctrica e o forte impacto ambiental e social” conclúe o deputado do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG