BNG reclama no Congreso que se rebaixe o IVE até o 10% aos salóns de peiteado e barberías

Encontro perruquerías
Encontro perruquerías
A formación nacionalista presentou unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado 2021 reclamando esta baixada do IVE ao tratarse dun sector de primeira necesidade e que se atopa en perigo de peche.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de reunirse coas principais representantes do sector de imaxe persoal na Galiza, entre as que se atopan Luisa Carballo e Ángeles Salgueiro, integrantes da plataforma CRER EN NÓS.

Néstor Rego trasladoulles que o BNG presentou unha emenda ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2021 para reclamar que se devolva o sector de beleza, barbería e a estética ao IVE reducido de 10% ao seren un servizo de primeira necesidade. Rego destacou que “os salóns de beleza teñen un labor máis aló do estético, tamén se encargan de proporcionar servizos de hixiene a aquelas persoas que non se poden valer por si mesmas”.

En 2012 o Goberno do Partido Popular, presidido por Mariano Rajoy, decidiu incrementar o IVE, provocando que os salóns de peiteado que pagaban 8% de IVE, é dicir, que eran considerados como servizos esenciais, pasaran a pagar 21%. O mesmo aconteceu coa estética, que pasou de 16% a pagar 21% de IVE.

Esta suba até 21% no ano 2012 debía ser temporal polo que a maioría dos profesionais asumírona sen que iso repercutise no prezo final para os clientes. Neste contexto actual de pandemia, os salóns de peiteado nos 9 primeiros meses de 2020 en comparación co mesmo período do ano pasado,  tiveron unha caída na  facturación que na maioría dos casos supera 50%.

Néstor Rego advertiu que “a actual situación fai que moitos pequenos negocios se vexan afectados pola crise causada pola COVID19 e está a provocar que a capacidade de supervivencia de moitos salóns de peiteado se encontren en perigo”. Segundo as integrantes da plataforma CRER EN NÓS, 21,8% dos salóns non sobrevivirán o Nadal de 2020 nas condicións actuais e 57,92% non poderá aguantar máis de 6 meses. Isto supón que máis da metade dos salóns existentes nestes momentos no Estado español se vexan obrigados a pechar definitivamente.

“Coa rebaixa do IVE, facilitaríase que estes locais continuarán abertos e puidesen seguir pagando impostos, evitando desta forma que aumentase a economía somerxida no sector. Ademais, serviría como medida de fomento do consumo e permitiría unha suba na recadación” subliñou o deputado nacionalista.

Acompañando a petición da rebaixa do IVE, o BNG presentou tamén outra emenda aos Orzamentos Xerais do Estado en que se reclama a creación dun plan de axudas especifico para o rescate do pequeno negocios e autónomos na Galiza, do cal este sector podería verse beneficiado. É necesario pór en marcha novas axudas dado que as restricións sanitarias seguen vixentes e mantelas no tempo até que a actividade económica se reanude con normalidade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG