congreso

BNG reclama concretar na Galiza o anuncio de Sánchez de vivendas en solos de Defensa

Néstor Rego
Néstor Rego

“A un mes das eleccións municipais e case ao final da lexislatura, o Goberno decide anunciar que levará a cabo unha medida que o BNG leva reclamando desde o comezo do período lexislativo. Estaremos atentos para que non fique só en propaganda electoral” critica Néstor Rego

Ferrol, Santiago, Pontevedra, Marín, Ares: algúns dos concellos onde a carteira de Defensa ten propiedades que foron reclamadas polo BNG durante anos para destinalas a vivenda pública

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama concretar na Galiza o anuncio do Presidente do Goberno, durante a súa comparecencia no Senado, sobre a construción de 20.000 vivendas en solos do Ministerio de Defensa. Unha medida, lembra Rego, que leva reclamando o BNG desde o comezo desta lexislatura -e moito antes- e que o Goberno sempre se negaba a levar a cabo. Ferrol, Santiago, Pontevedra, Marín, Ares: son algúns dos concellos galegos onde Defensa ten propiedades e a frente nacionalista ten reclamado a cesión dos terreos. Neste sentido, o deputado do BNG reafirma o compromiso da organización nacionalista de presionar para que se desenvolva unha política pública efectiva en materia de vivenda e, así mesmo, estará atento a que todos estes anuncios non fiquen en propaganda electoral.

“A resposta do Goberno do Estado ás preguntas e iniciativas que rexistramos desde o BNG, sobre a mobilización e a cesión das vivendas da SAREB para permitir o desenvolvemento na Galiza dunha política pública efectiva en materia de vivenda, sempre foi a mesma: que era imposíbel” lembra o deputado do BNG. Agora, engade Néstor Rego, semella que coa proximidade dos comicios municipais todo é posíbel e “Sánchez anuncia a “mobilización” de 50.000 vivendas da SAREB, despois 43.000 e, agora, 20.000 activos para destinalos a desenvolver unha política pública de vivenda, sobre todo a través de aluguer asumíbel”.

Unha noticia que, en opinión do deputado do BNG, se realiza por puro electoralismo político. “Por que agora si é posíbel e non cando o BNG rexistrou iniciativas e, mesmo, emendas nos Orzamentos do Estado para 2021, 2022 e 2023 para que o Ministerio de Defensa cedese en Ferrol, Pontevedra, Marín, Ares ou Santiago as propiedades que posúe co obxectivo de destinalas a vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer” pregunta Néstor Rego. Neste sentido, lembra que os partidos que compoñen o Goberno do Estado opuxéronse en reiteradas ocasións a estas propostas do BNG, votando en contra nos orzamentos a estas emendas e negándose a levalas a cabo.

“É indecente ter vivendas, como as que posúe a SAREB na Galiza, baleiras. Por iso comprometémonos a traballar para que todos estes anuncios realizados polo Presidente do Goberno non fiquen en promesas electorais, que Sánchez xa leva moitas incumpridas durante este mandato” asevera Rego. A posición do BNG, reafirma, sempre foi a aposta por desenvolver unha política pública efectiva en materia de vivenda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG