O BNG reclama as competencias en Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación

Daniel Rodas

O deputado do BNG, Daniel Rodas salientou que as constas galegas rexistran a “taxa máis alta de sinistralidade en Europa” ante o denso tráfico marítimo de mercadorías

O mariñeiros recollen o chapapote do "Prestige"

Pleno.- O parlamentario do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe unha Proposición de lei para reclamar o traspaso de competencias a Galiza en materia de Salvamento Marítimo e loita contra a Contaminación Mariña.

O deputado nacionalista iniciou a súa intervención enviando, no seu nome e do BNG, as súas condolencias ás familias e amig@s dos dous mariñeiros desaparecidos, José Pardiño e Benigno Vázquez, tras o afundimento do Safrán.

Para Rodas, os recentes sinistros no mar poñen de manifesto “un modelo inadecuado” vixente no Estado español para o salvamento marítimo en relación coas peculiaridades do litoral galego. Ao seu xuízo, é urxente organizar en Galiza “un dispositivo propio”, máis eficaz e profesional “baixo control público galego”.

O parlamentario denunciou os retrocesos nos sistemas operativos de seguridade e salvamento marítimo a través da “privatización” dos sistemas de radiocomunicación, os helicópteros de Salvamento “Pesca I” e “Pesca II” que deixan os labores de rescate en “mans de empresas privadas” e establece tarifas polas operacións de salvamento.

Daniel Rodas reclama as competencias de Salvamento Marítimo

O deputado lembrou o gran número de accidentes derivados do tráfico marítimo que recorre a costa galega entre os que destacou: “O Mar Exeo” , “Casón”, “Urquiola”, “Andros Patria”, “Erwick”, “Polycomander”, ou a catástrofe do Prestige do que Rajoy dixo, “son unos pequeños hilillos” recalcou o nacionalista

Ademais da longa lista mencionada, o deputado tampouco esqueceu os graves sinistros na activade pesqueira que “acabaron con moitas vidas de mariñeiros”. Na última década, dixo “O Mar noso”, “Mar de Marín”, “Santa Ana”, “Nuevo Ana”, “Rosamar”, “Nuevo Amorín”, “MF Díaz” , “Sempre Cansina”, “Punta Robaleira Uno”, “Tabar” ou “Nuevo Luz” , son un claro exemplo.

O PP impide que prospere a iniciativa do BNG

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Paula Prado anunciou o voto en contra á Proposición nacionalista por entender que resulta máis efectivo que as competencias en materia de salvamentos marítimo e loita contra a contaminacións sexan responsabilidade do Goberno central, “ como se demostrou no accidente do Prestige”.

O deputado replicou que precisamente a “nefasta xestión da catástrofe do Prestige” e os sucesos deste ano, fan urxente a transferencia a Galiza.

A iniciativa do BNG contou co apoio de AGE e Grupo Mixto, a abstención do PSOE e voto en contra do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG