O BNG reclama ao SERGAS no Parlamento que dote do persoal suficiente ao centro de saúde de Moaña

Montse Prado
Montse Prado

Prado acusa o Goberno do PP de “maltratar aos veciños e ás veciñas de Moaña na atención sanitaria por sectarismo político”. Reclama á Xunta que atendas as demandas do Consello local de saúde

O BNG reclama ao SERGAS no Parlamento que dote do persoal suficiente ao centro de saúde de Moaña

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, levou á Cámara a situación do Centro de Saúde de Moaña que soporta unha insuficiente dotación de persoal sanitario ocasionando listas de espera e un servizo deficitario en medicina familiar, fisioterapia ou pediatría, ademais de que tampouco se garante a cobertura das baixas ou ausencias do persoal.

Prado trasladou a cuestión á Comisión de Sanidade para reclamar da Xunta que dote ao centro de saúde de Moaña do persoal necesario e que atenda a petición do Consello local de saúde, coa alcaldesa Leticia Santos á fronte, “que leva solicitando reunión ao SERGAS desde fai meses pero que se atopa contra un muro porque non queren abordar a situación da sanidade neste concello”.

“Non atenden as demandas do goberno local, non atenden as demandas da poboación e non atenden as demandas dos e das profesionais que volven manifestarse porque non están satisfeitos coa situación nin coa asistencia que se presta, porque a xente non se mobiliza nin reclama por deporte”, salienta a deputada.

Na súa argumentación, Prado denunciou “a precariedade constante de medios humanos e materiais, o deterioro da asistencia e unha mala xestión dos recursos e así de xeito permanente”. Tamén se referiu á situación do PAC de Moaña, “que está quedando en descuberto continuamente porque como non se cobren as baixas e por iso, as ratios de doentes por [email protected] fixadas saltan polos aires, e as persoas doentes quedan sen atención sanitaria durante horas”.

Fronte aos “futuribles” do SERGAS e as súas constantes promesas, “a veciñanza non está ben atendida, nin en pediatría, nin en medicina xeral porque non cobren as baixas, nin en fisioterapia, nin no servizo de matrona. Maltratan aos veciños e ás veciñas de Moaña e todo por sectarismo político do PP cos concellos que non están gobernados polos populares”, denunciou. Ademais, afondou, estamos nun municipio que non ten centro de saúde propio senón na Casa do Mar, pero que aínda así se fai cargo do mantemento.

Estamos falando dunha poboación de case 20.000 persoas que non está ben atendida pola falta do persoal suficiente, concluíu Prado, reiterando a petición de cobertura de baixas de todo o persoal sanitario e de ampliación de servizos como pediatría e fisioterapia así como de horarios, ante un PP empeñado en negar a evidencia das deficiencias que debería ser solucionadas desde a Consellería de Sanidade.