Congreso

O BNG reclama ao Ministro Planas axudas para a pesca e o marisqueo da Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Na comparecencia do Ministro de agricultura e pesca, Rego sinalou que é necesario compensar o lucro cesante nestes sectores pola caída de demanda e prezos como consecuencia do fechamento da hostalaría e a restauración.

O deputado nacionalista tamén reclamou máis cota de xarda e sardiña e novos criterios de reparto máis xustos para a frota galega.

O deputado do BNG, Néstor Rego, trasladou ao Ministro Luís Planas, ao longo da súa intervención na Comisión de Agricultura, Pesca e Consumo, a preocupación do sector pesqueiro galego e todas as propostas presentadas polo BNG para apoiar un sector que é vital na economía galega.

Tanto a pesca como o marisqueo están a resultar moi afectados pola crise provocada polo coronavirus. Por iso Néstor Rego reclamou axudas para compensar o lucro cesante polo descenso das vendas de peixe fresco e marisco e a gran caída dos prezos como consecuencia da redución da demanda, especialmente polo cesamento da actividade na hostalaría e restauración.

O deputado nacionalista lembrou ao Ministro que o BNG presentara no mes de marzo  unha proposta para paralizar, de acordo coa Xunta, o marisqueo porque o fechamento do canal HORECA provocou o derrubamento da demanda e dos prezos. A paralización era a solución para que o sector puidese acceder ás axudas xa estabelecidas.

Agora, en todo o caso, resulta fundamental que marisqueo e pesca poidan acceder a axudas específicas e garantías de que o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca se poña ao dispor deste obxectivo. Porque é necesario compensar a redución dos ingresos, mesmo dos barcos que mantiveron a actividade por ser considerada esencial.

O BNG considera fundamental o fomento do consumo dos produtos do mar, frescos e saudábeis como xa viña reclamando o mes pasado Néstor Rego despois de reunirse co sector pesqueiro da Mariña. “É necesario que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta da Galiza se comprometan a realizar campañas que favorezan o consumo de peixe fresco” apuntou Rego.

Rego lembrou ao Ministro que o BNG solicitou que se modificaran os criterios polos que se fai o reparto das cotas da xarda e denunciou que o reparto efectuado cos criterios acordados en 2015 é gravemente prexudicial para a frota galega e mesmo supón un evidente agravio comparativo con outras zonas do Estado.

Rego pediu que o reparto se faga con criterios socioeconómicos, é dicir, un reparto lineal atendendo ao número de tripulantes, tal e como se establece no artigo 17 da nova Política Pesqueira Común (PPC). E defendeu tamén que se aumente a cota da sardiña, sinalando que ambas pesquerías son imprescindíbeis para a viabilidade económica da frota galega e “supón manter riqueza económica, millares de postos de traballo e aposta por un consumo saudábel e artes de pesca sustentábeis, que repercute de forma directa na situación socioeconómica das vilas costeiras galegas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG