congreso

BNG reclama ao Ministerio de Cultura que inclúa o mundo editorial en lingua galega na Mesa do Libro

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista propón a creación de partidas específicas, cos fondos de recuperación e resiliencia, para a modernización, dixitalización e internacionalización do sector literario galego, así como do resto de linguas oficiais do Estado.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a inclusión de representantes de escritores e escritoras en lingua galega na Mesa do Libro e do Fomento da Lectura, así como teren partidas específicas para o fomento da edición, difusión e participación de libros na lingua da Galiza na Dirección Xeral. A formación nacionalista tamén incide na necesidade de que, ademais da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), se integren outras entidades homólogas do resto de linguas do Estado.

A finais de 2020 creouse a Mesa do Libro e a Lectura, impulsado polo Ministerio de Cultura e Deporte, para o “intercambio e a reflexión” conxunta co sector e co obxectivo de achegar e constituír a base do deseño de políticas públicas específicas para o ámbito do libro e a lectura.

Para a formación nacionalista, se se pretende dar cabida a todos os axentes “o Goberno non pode esquecerse, como ven sendo habitual, dos representantes do gremio en lingua galega e do resto de linguas do Estado”. Por este motivo, Rego rexistrou unha iniciativa na que solicita a rectificación do Ministerio para incluír aos representantes dos escritores e escritoras en galego, como é o caso da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), na Mesa do Libro e Fomento da Lectura xa que “deben ser tidas en conta cando se abordan os problemas do sector editorial e a hora de establecer políticas para o fomento da lectura e a internacionalización”.

Rego incide na necesitade de establecer accións específicas “dirixidas ao sector editorial noutras linguas oficiais no Estado español” a través de “partidas específicas” máis cando o orzamento da Dirección Xeral “viuse incrementado notabelmente a través dos fondos europeos para a recuperación e resiliencia”. O deputado nacionalista critica a “estratexia intencionada” do Goberno do Estado que “ignora ao galego e ao resto de linguas do Estado que tamén precisan esta liña de axudas para a modernización, dixitalización, internacionalización e fomento da lectura, incluso moito máis do que precisa o gremio literario en español”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG