BNG reclama ao Goberno investigar todos os bens inmatriculados pola Igrexa

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego sinala que o recoñecemento da Conferencia Episcopal de 1.000 bens inscritos irregularmente non pode supor a legalización dos 34.000 restastes.

Denuncia que as cifras da Galiza representan 20% dos bens inmatriculados do conxunto do Estado con máis de 7.000 bens urbanos e rústicos

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, anuncia novas iniciativas para que o Goberno do Estado investigue todos os bens inmatriculados pola igrexa para detectar todos os inscritos de forma irregular e propiciar que sexan devoltos aos verdadeiros titulares, en moitos casos a propia administración pública. Para a formación nacionalista o recoñecemento da Conferencia Episcopal de 1.000 bens inscritos irregularmente non pode supor a legalización dos 34.000 restantes, polo contrario, alimenta a sospeita de que poden ser moitos máis. No caso de Galiza, representa máis de 20% do total do Estado, ao redor de 7.131, que “deben ser devoltos a quen corresponder”.

Hai un ano o BNG rexistraba varias preguntas sobre as inmatriculacións fraudulentas de bens pola Igrexa católica que, desde 1946 durante a ditadura franquista, inscribiu millares de bens sen ter que acreditar a propiedade. Tanto a Lei Hipotecaria como o Regulamento que a desenvolveu, posibilitaron que os representantes eclesiásticos actuasen como fedatarios públicos, asegurando esa titularidade sen necesidade doutras probas. O Goberno do PP, en 1998, ampliou ese dereito que permitía á Igrexa inscribir tamén lugares de culto como igrexas, mosteiros, ermidas, capelas, catedrais, etc.

“Entre 1998 e 2015 en que se suprime esa prerrogativa foron inscritos case 35.000 bens a nome da Igrexa católica, entre eles bens privados ou mesmo de administracións públicas ou que deberían considerarse de dominio público” explica Rego. O deputado nacionalista lembra que en 2017 foi aprobada unha iniciativa para que o executivo estatal elaborase un informe con todas as inmatriculacións realizadas. “Tras coñecer esa listaxe, que tardaron máis de 2 anos en publicar, o BNG e distintas organizacións memorialistas destacaron a elevada porcentaxe de matriculacións levadas a cabo na Galiza” denuncia.

Do total do Estado, as inmatriculacións da Galiza representan 20% do Estado, con máis de 7.131 bens insctiros. “A maioría son propiedades urbanas e rústicas tales como solares, garaxes, pisos, campos de festa, carballeiras de uso público” enuncia o deputado mentres que os edificios dedicados ao culto só son 2.747.

“Non é razoábel aceptar que porque a Igrexa recoñeza o erro en 1.000 inmatriculacións no conxunto do Estado, o resto, -case 34.000- se consideren legalizadas”, sinala o deputado nacionalista. Por este motivo, o BNG reclama ao executivo estatal que “estude unha por unha as inmatriculacións da Igrexa”, desde a convicción de que “son moitas máis as fraudulentas”. Néstor Rego cualifica como “intolerábel” dar por válidas 34.000 inmatriculacións sen sequera realizar unha investigación ao respecto e, se for o caso, actuar para lograr que sexan “ aos seus lexítimos donos”.

Así mesmo, o BNG rexistra preguntas para a súa resposta escrita para coñecer se o Goberno do Estado realizará unha investigación de oficio o resto de inmatriculacións “feitas pola Igrexa desde 1946 para localizar todas aquelas que foron practicadas de maneira irregular e sen título”. Ante estes resultados, a formación nacionalista tamén exixe ao Goberno que reclame a titularidade de todos os bens adquiridos de maneira irregular para que pasen a ser de dominio público.

“É de xustiza que se realicen todas estas actuacións porque significa defender o interese público frente unha actuación que parte dun privilexio dado pola ditadura franquista que é absolutamente inxustificábel” conclúe o deputado do BNG. Rego incide na necesidade de declarar nulas as  inmatriculacións realizadas pola Igrexa católica cando se trate de bens de dominio público, en cumprimento dos principios de imprescritibilidade, inalienabilidade e  inembargabilidad dos bens públicos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG