BNG reclama ao Goberno do Estado o uso do galego nas campañas institucionais

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego urxe a cumprir a Carta Europea das Linguas e favorecer a normalización lingüística das linguas oficiais

A organización nacionalista demanda incluír e priorizar a inserción de publicidade institucional en medios de comunicación escritos en galego

BNG vén de rexistrar na cámara baixa unha iniciativa para reclamar que o Goberno do Estado realice as campañas institucionais e de concienciación social en galego cando esa publicidade se inserir en medios de comunicación ou xornais da Galiza. A organización frentista demanda tamén que sexan tomados en conta tamén medios publicados en galego, medida que favorecería a normalización lingüística e daría cumprimento á Carta Europea das Linguas.

Neste momento, estase a desenvolver, por exemplo, a campaña de concienciación social elaborada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero (DGVG) do Ministerio de Igualdade sob o lema “Practica los Buenos Tratos: Por una vida libre de violencias machistas”, a campaña está composta por tres deseños diferentes adaptada a distintos formatos para prensa escrita, medios dixitais e a súa colocación no mobiliario urbano.

“Previuse que a campaña estea dispoñíbel nas distintas linguas oficiais do Estado e mesmo en inglés mais o Ministerio só está a empregar a versión en español nos anuncios inseridos nos medios de comunicación galegos” recrimina o deputado do BNG, Néstor Rego. “A Administración estatal, como anunciante, ten o deber de controlar o contido que fai público así como os medios que se elixen para a inserción dos anuncios e ten tamén a obriga de favorecer con esa publicidade institucional a normalización lingüística do galego” explica Rego.

A organización nacionalista entende que, na Galiza, e en todos aqueles territorios con linguas oficiais distintas do español, deberían de ser realizadas as campañas de concienciación social nas linguas propias, de maneira que a iniciativa cumpra unha dupla función, de normalización da lingua galega e de promoción do contido da campaña en cuestión. “No caso da Galiza, os Ministerios deberían incorporar e priorizar na selección de medios de comunicación e de prensa escrita en que inserir a publicidade institucional, aqueles que máis utilizan o galego ou son publicados nesa lingua” subliña Rego. Con este criterio de selección, contribuiríase á promoción e normalización das linguas oficiais distintas do español e dos medios que utilizan esas linguas de forma exclusiva.

“A Carta Europea das Linguas estabelece que os Estados parte -e o Estado español asinouna- se comprometen a velar polo uso das linguas oficiais de cada territorio” enfatiza o deputado nacionalista. Así mesmo, a Carta estabelece o deber de favorecer e promocionar os medios de comunicación que empreguen linguas distintas do español, en consonancia co obxectivo xeral do acordo de eliminar toda exclusión ou restrición que poña en risco o mantemento ou o desenvolvemento das distintas linguas oficiais que conviven no Estado español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG