BNG reclama ao Goberno do Estado rexeitar a proposta de cotas pesqueiras para 2022

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego alerta de que a redución de capturas implicará un impacto económico negativo sobre a frota pesqueira galega e urxe defender a aplicación real das variábeis económicas e sociais para fixar as cotas

Demanda o recoñecemento da Galiza como “zona altamente dependente da pesca” para garantir o futuro do sector no País

BNG vén de rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado rexeite a proposta de cotas de pesca para 2022 pois suporá unha redución e afectará gravemente á frota pesqueira galega. Reclama ao executivo que defenda diante da Unión Europea a aplicación real de variábeis económicas e sociais-contempladas na Política Pesqueira Común para a fixación de captura -o que evitaría esa rebaixa-, e que se recoñeza a Galiza como “zona altamente dependente da pesca” así como capacidade directa de negociación.

O mes de decembro será decisivo para a frota pesqueira galega tras o Consello de ministros de Pesca que aprobará as cotas de pesca para 2022. Cotas xestionadas pola UE que ficarían pendentes de negociación co Reino Unido e Noruega posteriormente. Mais a proposta non parece concordar cos datos científicos existentes, así como tampouco teñen en conta as variábeis económicas e sociais que se deberían ter incluído segundo a propia Política Pesqueira Común.

Os recortes máis significativas son a baixada de 18% para a pescada do Cantábrico, de 16% no xurelo na zona 9, así como a importante baixada no linguado- 36% menos nas zonas 8 e 8b, de 15% nas zonas 8 c, 9 10 e augas comunitarias e 20% menos nas zonas 8 a, b, d- e de novo a prohibición de pesca de cigala na Galiza, a pesar de existir informes que constatan a melloría da poboación. Unicamente se espera que incremente 13% no caso do rapante e o peixe sapo, que viñan de descender 11 e 13% respectivamente en 2021.

“De prosperar a proposta do Comisario de Pesca da Unión Europea, a frota pesqueira galega veríase gravemente afectada porque non se ten en conta a aplicación real das variábeis económicas e sociais contempladas na Política Pesqueira Común para a fixación de capturas” explica o deputado do BNG. Néstor Rego alerta de que esta decisión podería abocar ao incremento de peticións de despezamento de barcos no noso País, comprometendo o futuro do sector e tamén “a economía da Galiza”.

Por este motivo, urxe o Goberno do Estado a defender diante da Unión Europea os intereses da frota pesqueira galega, amosando o seu rexeitamento á proposta do comisario europeo e a descartar calquera redución de capturas para o ano 2022 “que implique un impacto económico negativo”.

“O executivo ten que reclamar o recoñecemento da Galiza como zona altamente dependente da pesca, a revisión do principio de estabilidade relativa e o recoñecemento da capacidade directa de negociación do noso País en materia pesqueira” salienta Rego. Os datos aportados preocupan, mesmo por parte do Secretario Xeral de CEPESCA, sobre o a situación do sector marítimo pesqueira na Galiza e abocan a un futuro de crise se o executivo non defende os intereses da frota pesqueira galega.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG