BNG reclama ao Goberno do Estado denegar a tramitación do Parque Eólico Brancellao

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego denuncia o espolio enerxético ao que se enfronta Galiza e reclama paralizar todos os proxectos en tramitación para elaborar unha planificación con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio

Un boom eólico que porá en risco o patrimonio natural e cultural, así como a actividade produtiva para maior beneficio das grandes compañías eléctricas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado que denegue a autorización para a construción do Parque Eólico Brancellao, así como a súa infraestrutura de evacuación, pola súa incompatibilidade co mantemento dos valores ambientais, patrimoniais, socioeconómicos e paisaxísticos. A frente nacionalista demanda paralizar este e o resto de proxectos eólicos en tramitación para elaborar, de maneira conxunta coa Xunta de Galiza, unha planificación eólica asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio. Alerta que, de non facelo, a proliferación descontrolada de parques eólicos na Galiza porán en risco o patrimonio natural e cultural, así como a actividade produtiva para maior beneficio das grandes compañías eléctricas.

O Parque Eólico Brancellao, de 140 MW, propón a instalación de 25 aeroxeradores- con 3 de reserva- que afectarían aos concellos de Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral. Así mesmo, prevé instalar liñas de evacuación de alta tensión que unirán o parque coa SET  Brancellao, e esta á súa vez coa Subestación  do Mesón do Vento.  O proxecto está promovido por Enel Green Power España S.L. que tamén promove outros megaparques limítrofes como o PE Caíño mais estes parques non se están valorando de forma conxunta, xerando tamén unha clara desorde e unha falta de planificación que da como resultado a superposición de distintos proxectos.

“Esta división ou fragmentación é intencionada e que pretende ocultar a  interdependencia entre ambos os parques, ademais de ignorar ou omitir no estudo a presenza do resto de parques, tanto de competencia estatal como autonómica, que os rodean” denuncia o deputado nacionalista. Así, Rego explicou que, aínda que na práctica todos eles funcionarían como un único mega parque, solicitan as autorizacións individualmente, presentándoos como proxectos separados cando non o son, como manobra para evitar unha valoración ambiental de conxunto, que de xeito evidente sería negativa.  

Así mesmo, cabe destacar que o proxecto eólico Brancellao atópase fora das Áreas de desenvolvemento eólico (ADEs) contempladas no Plan sectorial eólico da Galiza, “sen que tampouco exista declaración expresa do Consello da Xunta e mesmo a Administración galega informou desfavorabelmente sobre este proxecto. De facto, os aeroxeradores estarán a menos de 500 metros da maioría de núcleos de poboación “cando debería respectarse a distancia dun quilómetro posto que a altura total é de 200 metros” tal e como estabelece a normativa galega.

O deputado sinala a necesidade de paralizar todos os proxectos que se atopan en tramitación para realizar, de maneira conxunta coa Xunta de Galiza e respectando as súas competencias nesta materia, unha deseño conxunto do desenvolvemento eólico e unha planificación adecuada e coordinada do mesmo. Unha planificación que debe asentarse en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal.

“Non hai un estudo completo do impacto que estas instalacións de evacuación van ter na zona, xa que se cita a SET ICE Mesón do Vento nestes proxectos pero non se estuda en conxunto, se non só a parte que afecta a cada un” precisa Rego. É necesario, por tanto, unha avaliación ambiental conxunta e global de todos os seus impactos, xa que estes increméntanse proporcionalmente e a acumulación destes difire dos impactos sometidos a exposición pública en relación ao proxecto eólico  Brancellao.

O Parque Eólico  Brancellao terá un impacto negativo sobre os distintos cursos e fontes de auga da zona. Destacando o río  As Gándaras, ao Río Mendo, ao río dous Muíños, ao río  Maruzo, ao río  Pequeno ou o río Samo. Así mesmo, veranse cruzados polas liñas de evacuación deste parque o río Tambre e o Traveso. Tamén debe terse en especial consideración a afección sobre distintas zonas húmidas, como son o encoro de San  Cosmade, as Brañas do Deo ou os humidais de  Devesela, Ou  Maruzo,  Fontá, A  Nabeira,  Estremil,  Baiuca,  As  Capelas e Salgueiro. Así mesmo a instalación de aeroxeradores e os movementos de terras para as vías de acceso suporán a total alteración de moitos mananciais. 

É importante tamén preservar as distintas zonas de alto valor natural que se verían prexudicadas coa instalación do parque, como é a reserva da  biosfera de “As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, ou os distintos hábitats catalogados como Hábitats de Interese Comunitario (HIC), así como a Zona de Especial Conservación ( ZEC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) do “Río Tambre”, e a Zona de Especial Conservación (ZEC) do “Encoro de Abegondo – Cecebre” ou a Zona de Especial Conservación (ZEC) “Betanzos -Mandeo”.

“Tamén terá un importante impacto sobre o patrimonio histórico e cultural como, por exemplo, os numerosos túmulos prehistóricos e mámoas, así como afectará aos Castros de Vilasantar e ao Castro dás  Travesas” explica o deputado nacionalista. Ademais, na zona afectada polo proxecto sitúase un tramo do Camiño Inglés e unha antiga vía romana, mentres que se analizamos o perímetro que o rodea, atopamos outros importantes elementos patrimoniais como cruceiros ou a capela de Santo André.

Por último, producirase unha seria afectación a terras de cultivo, dos mananciais, das explotacións forestais, así como unha fragmentación agraria e unha gran perda de base territorial para as explotacións agrogandeiras. “Todo iso crearía tamén problemas de incompatibilidade coas condicións da Política Agraria Común. Tería que valorarse ademais o abandono poboacional das zonas rurais que quedarán afectadas polo Parque Eólico como consecuencia da implantación masiva e desordenada de parques eólicos superpostos sobre unha mesma área xeográfica” enfatiza Rego.

En definitiva, o Parque Eólico  Brancellao, así como o resto de parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercute, en absoluto, de maneira positiva na economía dos  concellos afectados. “Non serve para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio” conclúe Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG