BNG reclama ao Goberno do Estado conectar a Galiza e incluíla na rede de hidrodutos de Europa

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego chama ao resto de deputados e deputadas galegas para facer unha “frente común” para impedir unha nova discriminación do Goberno coa Galiza en relación coa produción de hidróxeno verde

A frente nacionalista denuncia que nas axudas do Goberno non hai ningún proxecto galego e incide na necesidade de incluír a Galiza na rede de distribución de hidróxeno verde a través dos hidrodutos que a conecten con Portugal e Europa

O Bloque Nacionalista Galego denuncia unha nova discriminación do Goberno do Estado coa Galiza após coñecer a concesión das axudas a catro proxectos de hidróxeno verde, ningún destes na Galiza. O deputado urxe a rectificación do executivo nesta decisión e incluír a construción da infraestrutura que conecte a Galiza con Portugal e Europa para permitir o desenvolvemento dos diversos proxectos de produción de hidróxeno verde. A frente nacionalista fai un chamamento ao resto de forzas políticas para facer unha “frente común” na defensa dos intereses das galegos e galegas, para favorecer unha transición enerxética, o desenvolvemento industrial e a creación de postos de traballo na Galiza.

O primeiro Consello de Ministros de 2023 aprobou a concesión de axudas de 74 millóns de euros a catro proxectos de hidróxeno renovábel. Estes proxectos localizaranse en diferentes territorios como Andalucía, País Vasco, Navarra, Asturias, Castela e León, Cataluña ou a Comunidade de Madrid. Ao feito de non haber ningún proxecto galego beneficiario destas axudas, sufragadas con fondos europeos, súmase a decisión do Goberno de excluír a Galiza no mapa das infraestruturas de conexión do hidróxeno verde planeadas polo executivo.

“Neste momento, e á falta do desenvolvemento de mellores alternativas, hai unha aposta no hidróxeno verde como opción para avanzar na descarbonización da economía e para alcanzar os obxectivos fixados de neutralidade climática. É, por tanto, unha oportunidade para a creación de emprego e o impulso ao tecido produtivo no noso País. Mais o Goberno do Estado decide deixar fóra das axudas os proxectos galegos” recrimina o deputado do BNG. Rego lembra que a frente nacionalista xa reclamara a rectificación do executivo estatal para que a Galiza fose incluída na rede de transporte proposta en decembro de 2022.

A día de hoxe, na Galiza existen numerosos proxectos que están dando os seus primeiros pasos mais, segundo alerta Néstor Rego, quedarán “paralizados ou definitivamente desbotados se non se prevé unha condución que permita o transporte ou evacuación á rede desa nova produción de hidróxeno verde”. Neste sentido, o BNG defende a necesidade de incluír como “estratéxicos” o hidroduto Lugo-Zamora e o que conectaría a Galiza co norte de Portugal.

A organización nacionalista entende que o Goberno do Estado non pode pór en risco o desenvolvemento dos proxectos previstos –como os anunciados para As Pontes- que permitirían avanzar nunha transición enerxética xusta na Galiza, “sobre todo nas comarcas e localidades que sofren o fechamento das térmicas, así como favorecer o desenvolvemento industrial e a creación de postos de traballo”.

“O BNG chama ao resto de representantes galegos no Congreso e no Senado para facer unha frente común e defender os intereses do futuro da Galiza. Hai que impedir esta nova discriminación que o Goberno do Estado quere levar a cabo co noso País” afirma o deputado nacionalista.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entende que “é dificilmente alcanzábel a idea de que a Galiza lidere a produción de hidróxeno verde cando desde o Goberno e, no concreto, desde o MITECO non se aposta por promover as infraestruturas que o permitan”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG