O BNG reaviva o espírito do 8 de Marzo e pide avanzar nas reivindicacións feministas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil lamenta que o Partido Popular siga impedindo  propostas para avanzar cara unha sociedade libre de violencias machistas e rexeite unha iniciativa do BNG para elaborar un estudo no ámbito universitario e un programa de formación para a comunidade universitaria contra a violencia

O BNG reaviva o espírito do 8 de Marzo e pide avanzar nas reivindicacións feministas

 

Santiago de Compostela, 6 de Xuño, 2018. Pleno.- A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposición non de lei para crear unha Mesa de traballo interuniversitaria contra a violencia machista. A deputada reaviva o espírito feminista do 8 de Marzo na Cámara galega e pide “avanzar nas reivindicacións” reclamadas polo feminismo.

Para a nacionalista, resulta imprescindible avanzar  cara unha sociedade “libre de violencias machistas” e de maneira especial, “despois das noxentas afirmacións do  profesor titular da Universidade ao fío da sentenza de La Manada”. Un profesor, engadiu  xa  sancionado sen emprego e soldo durante dous meses en 2016 polos seus comentarios sexistas nas aulas.

Máis alá  da reprobación que merecen os comportamentos, actitudes e comentarios machistas, dixo Rodil, dende o BNG  formulamos  “unha proposta clara, concreta, nun ámbito, como o universitario, que goza de autonomía e que  non pode ficar á marxe da acción do goberno, das políticas de acción feminista ou da igualdade”.

Unha Mesa de traballo con dous obxectivos: - Elaborar un estudo integral das violencias machistas no Sistema Universitario Galego abordando a  violencia física, psicolóxica, violencia sexual, acoso, micromachismos, discriminacións por razón de xénero nas aulas e noutros espazos dos campus porque “non existe ningún estudo destas características en Galiza e un programa de formación  e sensibilización estábel, que abranga accións dirixidas ao conxunto da comunidade universitaria e tamén accións específicas para cada colectivo (PDI, PAS e alumnado)”.

Desde o BNG, recalcou temos claro que isto non é unha apócema máxica que vaia facer desaparecer de súpeto a violencia machista, a discriminación por razón de xénero, a desigualdade, mais “é un paso adiante no desenvolvemento da lei de prevención e tratamento integral da violencia de xénero de 2007; permitindo avanzar na necesaria, por non dicir, imprescindíbel cooperación e coordinación institucional”.

Trala intervención da deputada popular, Marian García Miguez que cualificou de “non acaída” a proposta nacionalista anunciando  o voto en contra do partido conservador, Rodil lamentou que o Partido Popular  siga no camiño de impedir propostas para avanzar cara unha sociedade libre de  violencias machistas e replicou a García Miguez que as declaración do profesor da USC “non se poden pechar coa apertura dun expediente nin cruzarnos de brazos”. O goberno galego é “autocompracente e pensa que está todo feito pero  as denuncias por violencia  de mulleres menores de trinta anos seguen medrando”

A deputada cualificou de “escusa barata do Partido popular” apelar á autonomía universitaria para impedir avanzar  en políticas e medias que confronten a violencia machista en todas as estruturas sociais, concluíu.