BNG e PSOE presentan o acordo de goberno para a Deputación da Coruña ao servizo dos concellos

BNG e PSdeG-PSOE presentaron o programa de goberno para a Deputación da Coruña nesta lexislatura, que plasma no concreto para este ente provincial o acordo marco consensuado entre ambas forzas políticas a nivel nacional.

A que será vicepresidenta e portavoz do goberno provincial, Goretti Sanmartín, e o futuro presidente da entidade, Valentín González, foron os encargados da presentación que, en palabras de Sanmartin, “vai moito máis aló de calquera outro acordo asinado anteriormente para as deputacións é supón un firme e decidido paso adiante na construción dunha nova arquitectura institucional para o país”.

Desde o punto de vista programático, a secretaria de Política Municipal do BNG sintetizou os tres grandes eixos do pacto de goberno: adelgazar as deputacións no camiño a súa desaparición, darlle todo o protagonismo aos concellos e democratización radical do funcionamento da entidade.

No primeiro punto, o programa recolle a realización nun prazo de tres meses dun estudo de equipamentos e servizos para iniciar de inmediato un proceso de negociación de transferencia de competencias, tanto á Xunta como aos municipios, primeiro paso para materializar ese “adelgazamento” dos entes provinciais.

En relación ao papel dos concellos “deben ser o centro das políticas”, de tal xeito que a deputación actúe de facto como “transmisor de recursos” a través de criterios obxectivos, libres de calquera clientelismo en función de cores políticas. Esa transferencia de recursos debe servir para corrixir desigualdades territoriais.

Finalmente, explicou Sanmartín, “cómpre iniciar un proceso de democratización e de transparencia institucional, interna e externamente”, o que pasa por actualizar o regulamento e “por fuxir do presidencialismo” potenciando os órganos colexiados na toma de decisións, como a xunta de goberno ou os plenos.

Goberno único

Para levar adiante este proceso de “transformación” das deputacións, Sanmartín subliñou o compromiso de traballar como un “goberno único” integrado por forzas políticas “que teñen diferenzas, mais actúan con responsabilidade”.

“Poñemos por diante os intereses colectivos respondendo á mensaxe das persoas que querían unha verdadeira transformación institucional e acordamos un programa que nos une, que se fai público e sobre o que renderemos contas ante o conxunto da sociedade”, explicou.

Participación efectiva

Ao mesmo tempo, cunha aposta decidida pola participación do resto das forzas políticas que comparten a visión sobre as deputacións, “porque queremos unha verdadeira participación, que será efectiva desde o primeiro día, que recolla a rica realidade dunha maioría que aposta por unha transformación radical”, alegou Sanmartín.

A que será vicepresidenta e portavoz do ente municipal, tamén avanzou que se considera decisiva a contribución e participación do persoal da Deputación, “coa seguranza de que os seus dereitos laborais van ser sempre defendidos, contando co funcionariado da propia deputación sen poñerlles por riba persoas traídas a dedo doutras administracións”.

Con esta folla de ruta, o BNG confía en “construír as institucións do século XXI en lugar de manter un edificio político do século XIX”,concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG