BNG e PSdeG-PSOE apuran as negociacións para conformar gobernos municipais alternativos ao PP

BNG e PSOE mantiveron hoxe unha nova reunión que se saldou co compromiso de manter o criterio e a vontade política de ambas formacións de facilitar gobernos municipais alternativos ao PP en todos os concellos do país no que esa opción sexa posible.

A menos de 24 horas de que se conformen os gobernos municipais, as comisións negociadoras de Bloque e PSOE ratifican este acordo que permitirá ter gobernos nacionalistas e de esquerdas en moitas vilas e cidades, facilitando a renovación dos executivos locais a favor dunha proposta en clave nacionalista e de progreso ou ben dando continuidade a un goberno municipal con estes mesmos criterios políticos.

A formación que lidera Ana Pontón salienta o seu avance social tras as eleccións do 26M, das que o BNG sae como terceira forza política o que lle vai permitir gobernar en 29 concellos que suman unha poboación cercana os 300.000 galegos e galegas, volver ter representación en todas as grandes cidades do país e manter unha tendencia a alza que evidencia o cambio de ciclo electoral que culminará las eleccións galegas do vindeiro ano.

O Bloque vai facer todo o posible para materializar o mandato da veciñanza e, desde o diálogo e a reciprocidade, facilitar unha alternativa á dereita e poñer en marcha políticas transformadoras desde o ámbito municipal. E, de cara ao futuro, o BNG vai traballar desde os concellos, tanto desde o goberno como desde a oposición, a favor de construír esa outra Galiza posible que xa se está a desenvolver nas vilas e cidades lideradas pola formación nacionalista.

Con ese criterio de facilitar gobernos municipais transformadores, o Bloque tamén mantén un constante diálogo con outras forzas políticas do ámbito da esquerda con idéntico obxectivo: pecharlle o paso ao PP e construír executivos locais capaces de desenvolver un programa de goberno a favor da veciñanza que non só xestionen con eficacia e honestidade senón que leven a cabo unha proposta política de verdadeira transformación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG