BNG proporá no Parlamento a transferencia a Galiza das competencias para a xestión de ríos e encoros

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas defende tamén a necesidade de que a Cámara active de inmediato unha comisión de investigación sobre o baleirado das presas

BNG levará ao Parlamento a transferencia a Galiza das competencias para a xestión dos ríos e os encoros galegos co obxectivo de contribuír a que o país acade o marco de autogoberno necesario para decidir respecto das súas necesidades e prioridades enerxéticas.

A portavoz nacionalista de Enerxía na Cámara galega, Noa Presas, apela á necesidade de “mudar os problemas de fondo” no ámbito enerxético “porque non ten sentido ningún que os ríos galegos dependan de decisións que se toman a 500 km”, nun contexto marcado ademais polo “escándalo das eléctricas” no que, por unha banda, “pechamos unha nova semana de bater récords continuos no prezo luz” e, por outra, “vemos como o baleirado dos encoros acada cifras históricas”.

Presas alude así á situación de encoros como os de Belesar, Salas, Cenza ou As Portas, que “están en mínimos” sen que nin o Goberno galego nin o estatal actúen, “permitindo así a cobiza das eléctricas”. “Este pim pam pum de Xunta e Estado está sendo estéril”, reproba, para a continuación defender a necesidade de que o Parlamento galego “active de inmediato unha comisión de investigación para depurar responsabilidades de todas as partes” no baleirado dos encoros, ao tempo que impulsa a reclamación das competencias sobre ríos e encoros, moitos deles baixo o paraugas administrativo do Estado, “como é o caso, por exemplo, da bacía do Miño Sil, pero tamén de varios ríos que dependen das demarcacións do Douro ou do Cantábrico”, subliña.

Para o BNG, resulta evidente que o marco da transición enerxética está a supoñer un novo proceso de recentralización no que Galiza non está a ter capacidade de actuación, opinión ou deseño dun modelo propio incardinado nos obxectivos internacionais e considera que esta situación debe ser abordada freando e corrixindo a política produtivista e sen planificación da Xunta e facendo valer o autogoberno para demandar tamén un marco que respecte a capacidade do país para decidir respecto das súas necesidades e prioridades enerxéticas.

“Dende o BNG temos claro que hai que darlle a volta a esta situación e, por iso, levaremos ao Parlamento galego a transferencia das competencias para conseguir que, sobre os encoros e os ríos galegos, decidamos os galegos e galegas e, polo tanto, sexan xestionados dende Galiza”, conclúe Presas.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG