BNG propón á Xunta un plan para diversificar o sector da automoción, introducindo novos fabricantes e novas actividades

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández pídelle liderado para que a transición enerxética se traduza na consolidación de actividade e emprego no sector e Galiza non quede atrás
BNG propón á Xunta un plan para diversificar o sector da automoción, introducindo novos fabricantes e novas actividades

O portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, propuxo á Xunta no Parlamento galego a posta en marcha dun plan de diversificación para o sector da automoción para introducir novos fabricantes e novas actividades.

Logo de amosar a clara posición do BNG, que ve a defensa e consolidación do sector unha das prioridades obrigadas para o Goberno galego, Fernández apuntou que, coa descarbonización da mobilidade e a transición enerxética, a Xunta debe liderar e tutelar estes procesos na automoción para garantir que Galiza non quede atrás, promovendo a súa diversificación e asegurando a cadea de subministracións, para consolidar así o actividade e o emprego.  

Neste sentido, cuestionou ao Executivo de Feixóo que non teña proxectos alternativos, como si outros territorios do Estado, na carreira iniciada por contar cunha fábrica de baterías, logo do anuncio do Goberno central de participar directamente e financiar con fondos europeos nunha das seis plantas que o grupo Volkswagen ten para este fin, se finalmente unha delas se instala en Barcelona.

“En Galiza non temos proxecto ningún, non había ninguén que tivera algo avanzado, como si tiñan en Estremadura, Valencia ou Euskadi”, reprobou para a continuación cualificar este feito como unha evidencia máis da falta de política industrial, iniciativa e previsión da Xunta do PP “que parece decidido a facer de Galiza un eucaliptal trufado de muíños eólicos”. “Iso si, vímolo a vostede, señor vicepresidente, rachando as vestiduras ante o anuncio do Goberno estatal”, afeou ao vicepresidente económico, Francisco Conde.

De igual xeito, puxo o foco no feito de que o proxecto dunha fábrica de baterías presentado polo concello de Vigo coa Zona Franca non contase co respaldo de PSA-Citroen, hoxe Stellantis dado que, segundo explicou, o grupo automobilístico ten un plan propio para proverse destes compoñentes. “Os apabullantes datos económicos do sector durante o ano 2020 non poden ocultar a excesiva dependencia dun único actor”, recalcou para pedir a continuación ao Executivo galego un plan decidido para garantir que as transformacións do sector se traduzan na consolidación da actividade e do emprego, en virtude do diálogo entre todos os actores afectados e programas de actuación con dotación económica.

“Reclamámoslle un comportamento activo e decidido para co sector da automoción neste contexto de transición enerxética”, concluíu logo de pedirlle ao Goberno do PP que abandone “ese papel subalterno no que están instalados, exclusivamente ao servizo de Citroen” para “elevar a mirada, exercer competencias propias e facer política industrial”.

 

BNG propón á Xunta un plan para diversificar o sector da automoción, introducindo novos fabricantes e novas actividades