parlamento galego

BNG propón á Xunta que destine á Atención Primaria os 204 millóns que devolverá o Estado pola retención do IVE de 2017

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado afea ao Goberno de Feixóo que se queixe de falta de instrumentos fronte á COVID cando non asume as súas responsabilidades

BNG reprochou no Parlamento galego ao Goberno de Feixóo que nesta pandemia que “continúa activa” siga instalado “na estratexia de que o que vai ben é grazas ao que fai a Xunta e o que vai mal é responsabilidade doutros” e recordoulle que ten que asumir actuacións que lle son propias, entre elas, “dotármonos dun sistema sanitario forte, especialmente na Atención Primaria, sinalada como peza fundamental na loita contra a COVID”. “Facémoslle unha proposta: destinen os 204 millóns de euros que vai devolver o Goberno español pola retención do IVE de decembro de 2017 á Atención Primaria”, convidou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, ao conselleiro Julio García Comesaña.

“A situación non se resolve responsabilizando axs profesionais da situación da Atención Primaria, culpabilizándoos polas listas de espera e a restrición á presencialidade e ameazándoos con recortes no salario”, reprobou Prado ao titular de Sanidade, logo de recalcar que “a responsabilidade é da consellería, pola falta de profesionais e recursos”. “Se realmente queren resolver o problema poñan en marcha un verdadeiro Plan de Recuperación da Atención Primaria e destinen neste 2021 eses 204 millóns”, reincidiu, para lamentar posteriormente na súa réplica a negativa do conselleiro á proposta.

“Vostede fala duns e dunhas profesionais que están facendo un labor impresionante, certamente é así, pero do que non falou é de como reforzalos, de como axudalos para que non teñan que facelo absolutamente esgotadas e esgotados”, recriminou. Neste sentido, afeou a negativa da Xunta tanto “a incrementar as partidas orzamentarias como a cambiar a súa política de contratación”. “Vostede di que o problema é ter ás e aos profesionais dispoñibles: agora remata o MIR e o comentario xeneralizado é que estxs profesionais non se van quedar porque o Goberno galego só lles ofrece contratos precarios e sen estabilidade”, argumentou.

De igual xeito, a deputada nacionalista cuestionou “que tivese que chegar unha pandemia para que o PP se dera conta de que o marco autonómico non sirve para resolver os problemas dos galegos e das galegas”, aínda que, segundo engadiu, en realidade, “élles funcional facerse os indignados coa falta de instrumentos da Xunta porque teñen demostrado sobradamente que non queren competencias”. “Que decida Madrid, prefiren vostedes; e o que pasa é que Madrid decide o que lle parece e ese é o problema. E o que non é razoable é dicir que as decisións as tomen outros e logo queixarse de que esas decisións non son as correctas”, resumiu, para insistir na obriga que ten a Xunta de asumir as súas propias responsabilidades “en ámbitos nos que si pode actuar e non o fai, como o reforzo do noso sistema sanitario”.

Neste sentido, cualificou de “sorprendente” que o Goberno de Feixóo mostre a súa preocupación por como pode evolucionar a pandemia e se queixe da falta de instrumentos cando, ao mesmo tempo, “anuncie a posibilidade de realizar concertos con 10.000 persoas”. “Non chega ao 20% a poboación galega inmunizada”, recordou, para advertir a continuación que falta entre o 50 e o 60% para acadar a inmunidade de grupo no país.

Prado tamén se referiu ás “lagoas” que hai nun proceso de vacinación que debe realizarse con transparencia e rigor e lamentou que, aínda hoxe, o conselleiro anuncie que “están poñendo en marcha ese plan de retrorastrexo para reforzar un plan de rastrexo que ten que ser peza fundamental na loita contra a COVID”. “Catorce meses despois de iniciarse a pandemia”, afeou, para a continuación cuestionar o labor desenvolvido polo Executivo galego en ámbitos como o do propio rastrexo, a realización de PCRs, o illamento temperán de persoas afectadas ou a protocolarización das corentenas (máis tendo en conta o impacto de novas cepas).

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG