O BNG propón á Xunta avaliar ao alumnado sobre os contidos impartidos até o 12 de marzo

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide suprimir as taxas universitarias en 2021 e triplicar as bolsas ante o impacto da crise na economía familiar e urxe ao Goberno a concretar que pasa coas oposicións

Pontón salienta que o sistema educativo “non estaba preparado para o teletraballo” e lembra que hai 1.200 centros e Feixóo anunciou o reparto de 1.000 portátiles

O BNG propón á Xunta avaliar ao alumnado sobre os contidos impartidos até o 12 de marzo

A crise do corornavirus impacta de cheo nun sistema educativo que non estaba preparado para o teletraballo, nunha Galiza onde a fenda dixital é unha realidade que divide e discrimina no acceso á educación virtual. Neste contexto, o BNG urxe unha resposta que teña en conta as consecuencias derivadas da pandemia sobre o alumnado cunha proposta clara: limitar a avaliación aos contidos impartidos antes do estado de alarma e favorecer o pase de curso académico con compromiso de recuperar a materia non impartida.

Proposta avanzada pola portavoz nacional, Ana Pontón, tras unha reunión telemática con representantes da comunidade educativa.

“Consideramos que a nivel de avaliación o curso debe darse por finalizado a data de 12 de Marzo, sen ter en conta os contidos impartidos online porque existe unha fenda dixital que non garante a igualdade de oportunidades e estaría prexudicando precisamente ao alumnado cunha situación económica máis precaria”, argumentou a líder do BNG, quen tamén propuxo “favorecer que o alumnado pase ao curso, unha promoción académica excepcional que debe ser avaliada polo profesorado e co compromiso de recuperar os contidos non impartidos no curso académico 2020-2021”.

A crise vai ter unha negativa repercusión nas economías domésticas que pode limitar as posibilidades de estudo de moitos mozos e mozas. Para evitalo, o Bloque propón medidas que axuden ás familias e conseguir que ninguén deixe de ir á universidade por falta de recursos poñendo sobre a mesa dúas medidas: suprimir as taxas universitarias no próximo curso e triplicar as bolsas dispoñibles. “Hai que establecer garantías para que ningún mozo ou moza que teña intención de cursar estudos universitario vexa en risco o seu futuro precisamente por cuestións económicas derivadas desta crise”, recalcou Pontón.

Outro asunto que o Bloque considera clave son as oposicións, cuxa celebración ten en vilo a miles de galegos e de galegas, polo que pide ao Goberno de Feixóo claridade a respecto da continuidade ou aprazamento da data das probas.

“Parece difícil que no mes de xuño a situación vaia permitir grandes aglomeracións como as que se producen nunha convocatoria deste tipo”, indicou a líder nacionalista, “pero en todo caso é o Goberno da Xunta quen dispón de toda a información en quen debe tomar unha decisión canto antes como fixeron noutros territorios como Valencia, Murcia, Cantabria, Castilla e León ou Castilla-La Mancha, onde que xa anunciaron que non se van celebrar”.

Para iso, Pontón demanda do Goberno galego “claridade, transparencia e realismo sobre o futuro das oposicións, que a Xunta asuma as súas competencias sen delegar en Madrid e que, non caso de optar polo aprazamento, que se faga con garantías para manter todas as prazas e reparto por especialidades e co compromiso de incrementar o número de postos ofertados tendo en conta a taxa de reposición que se estableza para 2021”.

A dirixente do Bloque compartiu cos representantes da comunidade educativa que as decisións do Goberno están sendo “erráticas” nunha situación que afecta a milleiros de persoas cando o que se precisa son “criterios claros, xustos e equitativos que eviten decisións contraditorias entre centros educativos, que evite posíbeis discriminacións derivadas das diferenzas no acceso á educación a distancia, para a cal nin o persoal educativo nin o alumnado estaba preparado”.

De feito, salienta Pontón, a fenda dixital é unha realidade que provoca unha evidente discriminación entre o estudantado, segundo resida nun entorno rural ou urbano e segundo a capacidade familiar para dispoñer da infraestrutura necesaria como ordenadores portátiles, conexión á rede, formación dixital, etc. “O ensino público galego non estaba preparado para unha situación así de teletraballo e ensino a distancia, e así o recoñeceu o propio Feixóo anunciando a compra de 1.000 ordenadores en Galiza, pero tendo en conta que hai máis de 1.200 centros, toca a menos dunha computadora por centro e aínda non foron entregados a día de hoxe”, indicou Pontón.

Finalmente, destacou, hai que ter en conta ao alumnado que precisa unha atención especifica en función das súas necesidades especiais, “non dispón dos medios que necesita e tampouco as familias contan coa formación e recursos suficientes para asumir o rol de ensinantes”, concluíu.

 

O BNG propón á Xunta avaliar ao alumnado sobre os contidos impartidos até o 12 de marzo