O BNG propón sancionar ás empresas que non garantan a igualdade salarial das mulleres

Montse Prado
Montse Prado

“Discriminar ás traballadoras non pode ser gratis”, salienta Prado, quen tamén reclamou á Xunta un informe sobre a situación laboral das galegas

Mediante unha proposición non de lei a deputada Montse Prado reclamou no Parlamento a adopción dunha serie de medidas para atacar a discriminación salarial e laboral das mulleres que, a día de hoxe, soportan unha fenda salarial de 4.400 euros segundo o IGE, ademais de ter unha taxa de temporalidade e de precariedade moito máis alta que os homes.

Por iso, desde a BNG proponse sancionar ás empresas que practican a discriminación por razón de xénero, “para que non lles sae gratis discriminar ás mulleres”, alegou Prado. En concreto, a iniciativa nacionalista demanda “fomentar as inspeccións e as sancións para que as categorías e os pluses non encubran desigualdade salarial. Con ese obxectivo, demandar do Goberno español a introdución na lexislación de sancións económicas para aquelas empresas que non garantan a equidade salarial entre mulleres e homes”.

Igualmente, o Bloque demanda ao Executivo de Feixóo que presente na Cámara “no prazo máximo de seis meses un informe sobre a situación da igualdade laboral no ámbito da Xunta” así como, de xeito global, “elaborar un minucioso estudo sobre a situación laboral das galegas de cara a impulsar as medidas necesarias, coa dotación económica precisa para combater as carencias que se detecten no informe, de cara a fomentar un emprego estábel e de calidade para as mulleres”.

Finalmente, insta “a promover e vixiar o cumprimento da lexislación en materia de igualdade laboral e a traballar transversalmente pola eliminación das discriminacións”. Todas quedaron rexeitadas cos votos do PP, pese a que os datos esgrimidos polo BNG en base as estatísticas oficiais demostran a crúa realidade laboral das galegas.

“A base de cotización media entre homes e mulleres apenas se reduce e tardaría case 200 anos antes de conseguir a equiparación, o traballo das mulleres segue a ser máis precario e peor pagado. Segundo o IGE, o emprego feminino está marcado pola temporalidade non desexada nos contratos e pola menor remuneración”, detallou Prado.

Botando mans das cifras, a deputada afondou na descrición dunha realidade salarial e laboral discriminatoria. “A fenda salarial e arredor do 21%, 4.440 euros menos ao ano que a media dos homes segundo os datos de facenda, e se imos a enquisa salarial, subiría a máis de 5.000 €. Por riba, a media salarial das galegas está por debaixo da media das mulleres no conxunto do Estado”.

“O 20% das traballadoras non chegan a cobrar 400 euros, estamos falando de contías preocupantes e, se analizamos os tramos salariais máis altos, a presenza da muller cae en picado”. A fenda salarial trasládase tamén á idade de xubilación, pois menores soldos implican menores pensións para as galegas. En concreto, “un 36% menos co que perciben os homes motivado por unha peor base de cotización e por unha vida laboral moito máis accidentada con frecuencia interrompida polo coidado da familia ou de persoas dependentes”.

A temporalidade  é do 21,9%,- “non por escolla senón porque é único emprego que se lles ofrece”-, e o 48% dos contratos das galegas dura menos dun mes. Ademais, a taxa de actividade é máis baixa e o emprego feminino concentrase no sector servizos”. Consecuencia: unha de cada catro mulleres vive por debaixo do limiar da pobreza e son maioría os que cobran o RISGA.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG