O BNG propón reorientar o gasto de 1.092 millóns de euros para priorizar o emprego e os servizos sociais

Noa Presas
Noa Presas

Fai unha proposta fiscal con cinco novos tributos que permite recadar 190,6 millóns de euros adicionais sen prexudicar á maioría social

A portavoz de Economía, Noa Presas, defendeu a emenda transversal ao proxecto de orzamentos pola que o BNG modifica o destino de 1.092 millóns de euros, incluíndo 190,6 millóns de euros adicionais por ingresos a través dun paquete de propostas fiscais.

“Coa nosa emenda demostramos que é posible un modelo diferente nas dúas vertentes do orzamento: recadación e prioridades de gasto”, explicou Presas.

En materia de igualdade, a emenda transversal do Bloque inclúe dúas gran medidas: incrementar en 100 millóns de euros a loita contra a violencia machista e un Plan contra a fenda salarial con 4 millóns de euros, “as mulleres regalamos moito máis que iso cada ano grazas a que os gobernos miran para outro lado e non hai igualdade posible cobrando menos”, indicou a deputada.

En lingua e cultura “nos lles compramos o monocultivo do Xacobeo”, advertiu, propoñendo unha Liña de axudas á promoción e distribución audiovisual en galego de 3 millóns de euros, e un plan de fomento da lingua entre a infancia por importe de 6millóns de euros. No relativo á recuperación ambiental, recuperar as rías e desenvolver as zonas que dispoñen de espazos naturais protexidos.

Para a defensa dos servizos públicos, inclúe 288 millóns de euros para recuperar parte do terreo perdido polos recortes do PP, en particular en atención primaria, 5 millóns de euros para un plan de saúde mental,  -“en 2017 houbo 324 suicidios en Galiza”-; e un plan para ampliar a cobertura bucodental por importe de 2 millóns de euros.  En educación, unha partida de 240 millóns de euros para mellorar a dotación en persoal e infraestruturas educativa,  30 millóns de euros para financiar o SUG así como triplicar a contía para as bolsas.

En cobertura social, defende incrementar as pensións non contributivas en 100€ mensuais o que supón 40 millóns de euros dun orzamento de 9.500; 12 millóns de euros adicionais para dependencia e mudar a RISGA por unha renda de garantía social e laboral recollida nunha partida de 87 millóns de euros.

Para fomentar o emprego e a I+D+i “propoñemos incrementos que aposten pola transversalidade, o peche de ciclos produtivos no país, a estabilización da carreira investigadora e retorno da fuga de coñecemento”, explicou Presas. Entre as medidas, crear unha entidade de investigación (INNOGAL) con 13 millóns de euros, unha banca pública con 12 millóns de euros e medidas específicas para urxencias como ALCOA. E para fomento do emprego, plan plurianual de emprego xuvenil e plan contra a sinistralidade laboral con 4 e 2 millóns de euros respectivamente.

Cinco novos impostos aos que máis teñen

O Bloque tamén incide nos ingresos cun paquete de medidas fiscais que sumarían 190,6 millóns de euros adicionais. Así,  propón unha “progresividade real” para o IRPF e o imposto de patrimonio e suprimir as modificacións regresivas introducidas polo PP no imposto de sucesións, o que permitiría ingresar 107 millóns de euros.

Ademais, pon sobre a mesa a creación de cinco novos tributos. Imposto ás grandes superficies comerciais (30millóns de euros), imposto ás bebidas con exceso de azucre (11 millóns de euros), taxa  aos servizos e comunicacións electrónicas a abonar polos operadores de telefonía, 5 millóns de euros.  Gravar as vivendas que leven máis de dous anos baleiras propiedade de persoas xurídicas, 36 millóns de euros; e un imposto ás redes de alta tensión para exportar enerxía eléctrica a outro territorios “polo seu impacto ambiental e visual”, 1,3 millóns de euros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG