O BNG propón regular os debates na TVG para garantir que cidadanía poida contrastar as propostas políticas

Pontón acusa a Feixóo de vetar os debates que reclamaba con éxito cando estaba na oposición: “É o campión da manipulación dos medios públicos”

Medidas a favor dos medios públicos: Acabar coa dedocracia para elixir a dirección da CRTVG, crear o consello de redacción e o estatuto profesional

En 2008 o actual presidente da Xunta, entón na oposición, pediu un debate con motivo das eleccións xerais cos líderes dos grupos políticos que se celebrou na TVG en horario de máxima audiencia.  Dez anos despois Feixóo fuxiu do debate que lle propoñía a portavoz nacional, Ana Pontón, exactamente co mesmo formato.

Por iso, a líder do BNG aproveitou a sesión de control para propoñer regular a realización de debates electorais nos medios públicos e evitar que estean ao capricho dunha forza política concreta, neste caso dun Feixóo “que era o campión dos debates cando estaba na oposición, pero dos que fuxe cando está no goberno vetando a súa realización da TVG”, criticou Pontón.

E para “disimular”  ese veto, a televisión pública organizou un debate ás 10.00H, na antítese do prime time, con audiencias tan míseras que á propia cadea lle da vergoña publicitalas. “Non sei como o resto das televisións emiten os debates en prime time, con audiencias de 9 millóns de espectadores e shares como non se recordan. Vai ter que mandarlles  a Sánchez Izquierdo, -en referencia ao director da compañía-, para que lles explique esta nova modalidade do anti-debate”, ironizou.

A dirixente nacionalista, pese a súa insistencia no cara a cara co presidente do PPdeG, non conseguiu que Feixóo respondera a esta proposta instalado no seu habitual enroque co bipartito.

“É vostede o rei da oposición ao bipartito pero non contesta nunca ao que se lle pregunta”, ironizou, tras denunciar a manipulación que o PP fai da radio e da televisión públicas “que utilizan como o seu gabinete de comunicación, de feito hai quen está pensando en renomear a televisión pública para poñerlle Telefeijóo porque é no que a está convertendo”.

A denuncia de manipulación e propaganda dos medios públicos parte dos propios profesionais do ente a través dos chamados venres negros.

“Imaxine un país no que o director da CRTVG é nomeado a dedo polo presidente cando a lei di que ten que ser o Parlamento, no que os e as traballadoras levan un ano de venres negros, no que se cesa a unha presentadora por denunciar censura diante dese presidente, cancelan entrevistas por levar a camiseta da manipulación, con xefas dos informativos apoderadas do partido que goberna e non que hai actores represaliados por participar nunha serie que denuncia os vínculos do partido do presidente co narcotráfico. Todo isto pasa na RG e na TVG baixo o seu goberno”, argumentou.

Neste contexto, o BNG propuxo unha batería de medidas para garantir unha CRTVG que actúe como servizo público e non como correa de transmisión do goberno do PP. Con catro propostas concretas, sobre as que o presidente da Xunta evitou pronunciarse.

100 millóns para a CRTVG

Regular os debates electorais para garantirlle á cidadanía o seu dereito para que os responsábeis políticos lles expliquen e contrasten as súas propostas en horario de máxima audiencia. Cumprimento da lei de 2011 acabando cos nomeamentos a dedo na dirección e sexan designados por concurso de mérito en base a criterios de profesionalidade e independencia. Por último, posta en marcha dos consellos de redacción e do estatuto profesional como recolle a lei que se incumpre, “e quen incumpre a lei, é un delincuente”.

“Os galegos e galegas pagamos 100 M€ para ter unha televisión e radios que cumpran a súa función de servizo público, non para que exerzan como o seu gabinete de prensa señor Feixóo e a calidade democrática dun país mídese tamén polos seus medios de comunicación públicos, e Galiza con vostede como campión da manipulación non sae ben parada”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG