BNG propón que a Xunta cree equipas multidisciplinares de profesionais que permitan desconxestionar a Atención Primaria

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado aposta por activar integramente a carteira de servizos para aliviar aos e ás médicas de familia e resolver o colapso das listas de espera

Pide un plan de recursos humanos e recalca que si hai alternativas á non substitución de profesionais ou ao peche de centros de saúde polas tardes

BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para achegar solucións á situación de “deterioro” na que se atopa a Atención Primaria e que, segundo a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, “vén de lonxe -consecuencia dos recortes levados a cabo polo PP durante os últimos 12 anos-; quedou ao descuberto con toda a crueza coa pandemia e, agora, coa chegada do verán, os problemas vense agravados”.

Fronte á inacción do Goberno do PP, Prado indica que é posible articular alternativas e facelo no curto prazo, polo que no paquete de medidas rexistradas na Cámara, o BNG propón a incorporación á carteira de servizos de Atención Primaria das categorías imprescindibles para “prestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera”, entre as que Prado cita aos e ás profesionais de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, traballo social, logopedia ou podoloxía, e que, segundo recalca, “hai moitas e moitos nas listas de contratación”.

Nesta liña, tamén avoga por poñer en marcha a carteira de servizos de todas as categorías de Atención Primaria (enfermería, fisioterapia, psicoloxía, matronas,...) -tal e como se recolle na Lei 44/2003 de ordenación das profesións sanitarias (LOPS)-, que lles permite ter, como persoal cualificado, capacidade e autonomía “para exercer a súa propia carteira de servizos de forma autónoma e así desconxestionar as axendas de medicina de familia e contribuír a unha mellor calidade asistencial”.

A deputada nacionalista considera prioritario e urxente que a Xunta elabore xa un plan de recursos humanos “para rematar coa política de precariedade e explotación na contratación” e ofertar contratos dignos que eviten a marcha de profesionais “ben cara á sanidade privada, ben ao estranxeiro”. “É inaceptable que só 30 dos 70 profesionais que realizaron o MIR de Familia se incorporen á Atención Primaria”, exemplifica.

Prado advirte das protestas que se están a multiplicar por todo o país esixindo solucións e, neste sentido, reproba a actitude do Executivo galego que, na contra de corrixir políticas erradas, “non só non está a rectificar, senón que, polo contrario, persiste en non substituír persoal, en pechar centros de saúde pola tarde ou, en concellos turísticos con aumento de poboación no verán, xa non é que non reforce persoal, que sería o normal, senón que o reduce drasticamente”.

A portavoz nacionalista de Sanidade cualifica de “letal” a posición do PP de “non facer nada” e alerta das súas consecuencias: “doentes desatendidos; a non continuidade da asistencia, porque cada día son atendidos e atendidas por unha ou un profesional distinto; listas de espera de semanas para a atención telefónica e presencial; e persoal esgotado”. “O PP ten que deixar de mentirlles aos galegos e ás galegas ao dicirlles que nada se pode facer, porque si hai alternativa e no curto prazo”, conclúe.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG