Parlamento Galego

O BNG propón que o Pleno do Parlamento galego se pronuncie a favor dunha intervención pública de Alcoa

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, agarda que a iniciativa sirva para que Goberno central e Xunta “saian da indefinición” e abandonen “os vaivéns”

Reclama non demorar máis a presentación dun proxecto de intervención, “única solución real que hai sobre a mesa” para salvar a fábrica da Mariña

O BNG levará ao Pleno do Parlamento galego que comeza mañá martes unha iniciativa para reclamar a intervención pública en Alcoa e impulsar deste xeito unha solución á crítica situación que vive a fábrica de San Cibrao. Así o avanzou esta mañá en Santiago a portavoz nacional, Ana Pontón, quen agarda que a iniciativa sirva para que “o Goberno central e a Xunta saian da indefinición” e se concrete a proposta de intervención “que é a que están agardando os traballadores e traballadoras de toda a comarca para salvar á única fábrica de aluminio primario, e máis de 1.000 empregos, nunha comarca tan importante como a da Mariña”.

En alusión aos distintos pronunciamentos do Goberno do Estado nas últimas datas, Pontón advertiu que nun tema tan importante e no que está en xogo o futuro de toda unha comarca “non se pode estar xogando aos vaivéns”. A portavoz nacional subliñou que “a única solución real que hai sobre a mesa é a intervención pública” e considerou necesario non demorar más a presentación dun proxecto neste sentido dado que, segundo alertou, a multinacional “ten unha folla de ruta moi clara” e xa comunicou aos seus socios en Estados Unidos os despedimentos e a paralización da produción.  

“O que nos preocupa é que vexamos os vaivéns que está dando o goberno do Estado, onde un día pola mañá di que si vai intervir e ao seguinte que non”, cuestionou, polo que destacou a importancia de que o Parlamento galego reclame xa a intervención, que será demandada neste Pleno polo BNG mediante unha proposición non de lei de carácter urxente.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG