O BNG propón plans de recuperación das zonas queimadas e reforzar as brigadas de prevención e investigación dos lumes

Encontro Vilar de Barrio
Encontro Vilar de Barrio

Pontón reúnese en Vilar de Barrio cos alcaldes e responsables municipais dos concellos do sur de Ourense afectados pola última onda de incendios

Pide a Feixóo mudar décadas de abandono do rural e unha política forestal errada que converte ao monte nun polvorín

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Vilar de Barrio, un dos concellos máis afectados pola recente onda de lumes en Ourense, onde mantivo unha reunión co rexedor Manuel Conde na que tamén participaron os alcaldes e alcaldesas de Vera, Allariz, Baños de Molgas e A Mezquita e responsables municipais de Muíños, A Gudiña ou Verín.

A líder nacionalista puxo sobre a mesa propostas a curto e medio prazo despois de que 11.000 hectáreas foran pasto das lapas no macizo central e nun espazo natural emblemático como a serra do Xurés, deixando claro que os lumes son un dos principais problemas ambientais de Galiza.

No inmediato, Pontón urxe medidas para que as cinzas non acaben nos ríos e, polo tanto, “nas augas que consumen moitas persoas provocando ademais unha forte erosión no terreo”. A curto prazo, “programas para investigar e prever nos lugares altamente incendiarios, os que arden cada ano, deben fortalecerse as brigadas de investigación e de prevención para actuar no curto prazo”, explicou.

E, a medio prazo, plans para a recuperación das zonas queimadas, con obxectivos e con orzamentos, un plan específico de prevención e de xestión para os lugares de alto valor ambiental do país e utilizar a figura do plan integrado para levar a cabo unha ordenación do monte, “hoxe convertido nun polvorín que é ao que conduce a política de abandono da Xunta”, explicou.

Encontro Vilar de Barrio“Enviamos un SOS desde Vilar de Barrio para dicir que se Galiza arde é polo abandono do medio rural, pola falta de limpeza, ordenación e aproveitamento do monte”, proclamou Pontón, “e é responsabilidade da Xunta adoptar medidas no curto e no medio prazo que eviten que este sexa o peor problema ambiental do país”.

Para iso, -salientou-, “o primeiro paso é que o Goberno do PP recoñeza o fracaso da súa política forestal para mudala e poñer en marcha unha política eficaz de coidado e preservación do monte, do seu aproveitamento integral porque, de manter a mesma política forestal fracasada o problema vai seguir cun coste ambiental, económico e social moi grave.  Un monte limpo, ordenado e aproveitado para xerar riqueza e emprego limita a capacidade de quen quere prender lume e o mellor antídoto contra os incendios. Hai que mudar 40 anos e política forestal errada e de abandono do rural”, concluíu.

O rexedor de Vilar de Barrio, Manuel Conde, lamentou que un dos sinais de identidade do concello, a serra de San Mamede, fose pasto do lume provocando enormes perdas económicas e ambientais e por iso pediu “manter vivo o incendio non en lapas senón no ámbito político para que a Xunta actúe dunha vez por todas tomando as medidas necesarias para que os incendios non se volvan repetir e minorar no posible as consecuencias dun incendio no que arderon máis de 500 hectáreas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG