Galegas 2016

O BNG propón o Plan Retorna para reverter a marcha de mozas e mozos fóra do país

Noa Presas BNG reparto no Campus, xunto a Caravana da Mocidade
Noa Presas BNG reparto no Campus, xunto a Caravana da Mocidade
  • O BNG cree necesario unha inmediata conxelación das taxas universitarias para rebaixalas despois progresivamente.
  • No Campus de Ourense é fundamental apostar pola incorporación do portugués para a aprendizaxe e o intercambio de coñecemento coas universidades de Portugal e outros países lusófonos.

“Temos futuro, pero moito do noso futuro está fóra, nas mans de mozas e mozos que tiveron que marchar. O BNG cree que o próximo goberno da Xunta debe axudalas a volver, por iso presentamos o Plan Retorna, que é o eixo da nosa política para a mocidade”, explicou Noa Presas nunha breve conferencia de prensa ás portas do campus universitario de Ourense, onde subliñou ademais que a do BNG é unha candidatura moza, sensible aos problemas de desemprego e precariedade na que viven moitas mozas.

A través do Plan Retorna, avanzou Presas, “o BNG pretende crear incentivos para aquelas empresas que formalicen contratacións de mozas e mozos que retornen ao país, incrementará o investimento en I+D+i, actualmente un dos máis baixos do Estado, no 0,8% do gasto da Xunta; e facilitará o acceso a vivenda con alugueiro social e a economía social como fórmula de emprego para as mozas e mozos”.

A candidata nacionalista dixo ademais que no caso do campus de Ourense se debería fomentar o ensino do portugués, tanto por cuestións de proximidade xeográfica coma polas oportunidades de intercambiar coñecemento e aumentar as relacións coas universidades do mundo da lusofonía.

Presas incidiu tamén nas liñas políticas do BNG para frear a privatización do ensino, tamén do ensino superior, emprendida polos gobernos do PP tanto desde Madrid como desde Compostela, e referiuse a necesidade de “reclamar a transferencia das competencias sobre a xestión das bolsas aos alumnos para aumentar a súa cuantía” e “de rebaixar as taxas universitarias, empezando por conxelas e pensando nunha rebaixa progresiva”.

Noa Presas apoiará mañá xoves a manifestación na Alameda coa que o colectivo de emigrantes retornos retoma as súas reivindicacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG