O BNG propón un plan de aproveitamento integral do monte e incentivos fiscais para os propietarios

Xornada sobre política forestal
Xornada sobre política forestal
  • Pontón critica a política de monocultivo de eucalipto a favor de ENCE impulsada desde a Xunta, que cubre unha superficie de 450.000H
  • Insta a recuperar o consenso coas comunidades veciñais na xornada Por unha nova política para o monte galego celebrada no Parlamento

O BNG quere acabar co abandono do monte galego como maneira de recuperar unha parte clave do territorio e do medio rural, e para iso formula unha serie de propostas que pasan por darlle valor económico, social e ambiental ao monte, -cun aproveitamento integral do mesmo-, superar a política do monocultivo de eucalipto que fomenta a Xunta, e poñer en marcha medidas fiscais que incentiven a preservación do monte por parte dos e das propietarias.

IMG-20170513-WA0001“Son necesarias políticas fiscais e tributarias que alenten o coidado do monte en beneficio de todos e todas, non pode ser só unha carga para as persoas propietarias senón unha oportunidade”, explicaba a portavoz nacional, Ana Pontón, dentro da xornada Por unha nova política para o monte galego organizada polo BNG no Parlamento, que contou coa participación da ex deputada Tereixa Paz, da experta en medio rural e profesora da USC Mar Pérez e con Xosé Antonio Meixide, profesor no Centro de formación e experimentación agroforestal de Guísamo.

O BNG considera “fracasada” a política impulsada polos sucesivos gobernos do PP “centrada no monocultivo forestal” con especies de baixo valor engadido como o eucalipto. Os datos son significativos, e o último inventario forestal indica que o eucalipto ocupa un total de 425.000H, -280.000 puras e 145.000 con outras especies-, cando as previsións do actual Plan Forestal de Galiza era acadar as 245.000 hectáreas... en 2032.

“É o resultado de décadas de estratexia da Xunta de encher o monte con especies de pouco valor engadido e de consolidar industrias como ENCE que alimentan esa tendencia tan nefasta”, denunciou Pontón, tras criticar que Feijóo tirou pola borda a política de aproveitamento multifuncional do monte posta en marcha desde a Consellería de Medio Rural no período 2006-2009 do Goberno bipartito.

Neste sentido, o Bloque aposta por un “aproveitamento multifuncional” do monte que supere o monocultivo de especies de baixo valor engadido. Por iso, indicou Pontón, “propoñemos a elaboración dun plan integral que ordene os usos para o monte galego que inclúa a produción forestal de madeira de calidade das especies autóctonas, e usos como a explotación gandeira extensiva, silvopastoreo, producións complementarias estacionais como a apicultura, plantación de cogumelos e aproveitamento da biomasa”.

Xunto cun aproveitamento económico, o BNG tamén fixo fincapé nas posibilidades que ofrece o monte galego desde un punto de vista ambiental, social e recreativo “porque temos que lograr que o noso monte sexa un espazo económico e de creación de emprego, pero tamén ten que ser un espazo do que se beneficie e goce toda a poboación”, recalcou.

Na xornada participou unha nutrida representación de responsables de asociacións de montes veciñais que, para o BNG, teñen un papel fundamental na preservación e posta en valor do monte. Pontón demandou da Xunta “recuperar o diálogo e o consenso coas comunidades veciñais que ostentan unha parte moi importante da titularidade do monte, de tal xeito que reciban apoio público por exemplo para proxectos singulares baseados nun aproveitamento integral do territorio”, concluíu.

O BNG chama a atención sobre o feito de que Galiza ten a maior parte do seu territorio como superficie forestal, 1,8 dun total de 2 millóns de hectáreas, unha cifra moi superior aos países do entorno nos que a situación é a inversa e teñen unha superficie agraria utilizada maior ca destinada a monte.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG