O BNG propón no Parlamento rebaixar o IVE para abaratar a factura da enerxía eléctrica

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas defende unha proposta para demandar ao goberno central a eliminación do imposto especial da electricidade

O BNG propón no Parlamento rebaixar o IVE para abaratar a factura da enerxía eléctrica

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas demandou hoxe na comisión de Economía rebaixar o IVE para abaratar a factura da enerxía eléctrica e eliminar o imposto especial da electricidade co fin de  “mellorar as condicións de  vida de todos os galegos e galegas así como  a un gran número de  pequenas e medianas empresas.

En maio, lembrou a nacionalista,  o IPC alcanzou o 2% en Galiza, e fíxoo pola suba dos carburantes e da electricidade. Presas  criticou que a pesar de ter unha refinería, os galegos e galegos non nos beneficiamos nin o notamos nos prezos, a pesar de ser   ser produtores de electricidade.

DATOS POBREZA

 A parlamentaria explicou que Galiza  exporta o 33% de media de electricidade, e co que xera   podería autoabastecerse grazas aos  recursos naturais de auga e vento, e iso, apostilou, a pesar da parálise do sector eólico. “Para Galiza, ningún beneficio, para un reducido número de empresas foráneas, máis de 1.500 millóns de euros en facturación”. Presas sumou a esta situación  o “IVE  excesivo nunha  factura eléctrica cargada de impostos que forman un conglomerado difícil de entender e, sobre todo, difícil de pagar”.

A electricidade é un ben esencial necesario para unha vida digna, así como unha condición imprescindíbel para o exercicio doutros dereitos fundamentais, un ben necesario para o desenvolvemento de actividades e necesidades das persoas. “Non se pode pensar na educación, alimentación ou a saúde sen subministro eléctrico” e tampouco podemos concibir o dereito á vivenda sen que esta dispoña de electricidade, pois para que sexa considerada habitábel debe  contar entre outros cos subministros de auga e  eléctrico.

Hoxe traemos esta iniciativa porque diante do novo escenario político vemos como o PP  muda de voto simplemente porque xa non goberna. Tanto para este parlamento como  para o goberno de Sánchez debe ser   prioritario  “democratizar a factura e abaratar o IVE así como eliminar o Imposto Especial de Electricidade”.

En opinión da parlamentaria, sempre  deben primar razóns de interese xeral fronte o interese “recadatorio do Estado”. Nun momento no que a factura eléctrica ten chegado aos niveis máis altos da última década e aumenta a recadación tributaria a niveis anteriores á crise, é preciso “aplicar un IVE acorde coa concepción da enerxía como un servizo elemental”.

A Lei 37/1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, prevé tres tipos impositivos, o xeral e os reducidos. Os segundos aplícanse a bens ou servizos de primeira necesidade ou esenciais, tales como o subministro de auga para o consumo humano ou os produtos alimenticios.

A proposta que defendemos dende o BNG, reiterou a nacionalista  é unha  medida amplamente demandada e cumpre lembrar  que  con data do 29 de setembro do 2017 o propio  “Defensor del Pueblo”, decidiu formular a seguinte recomendación: “adoptar as medidas necesarias para aplicar un tipo reducido do Imposto sobre o Valor Engadido á electricidade por tratarse dun ben esencial”.

Os votos en contra do Partido popular e PSdeG impediron que a iniciativa defendida pola deputada do BNG, Noa Presas prosperara.