parlamento galego

BNG propón no Parlamento un paquete de medidas para garantir a viabilidade de Xeal que é rexeitado polo PP

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez exixe que se cumpra o fallo do TSXG que establece a vinculación esencial das actividades enerxéticas e das ferroaliaxes en Cee e Dumbría

BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta adopte as medidas necesarias para velar pola viabilidade das fábricas de Xeal en Cee e Dumbría e dar cumprimento ao fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que establece a vinculación esencial das actividades enerxéticas e das ferroaliaxes da compañía en ámbalas dúas localidades.

De igual xeito, a proposta nacionalista inclúe a remisión á representación das e dos traballadores tanto do plan de viabilidade da empresa, ao que obrigan as cláusulas das concesións hidroeléctricas e que tiña a obriga de trasladar ao Goberno galego, como  os termos do contrato de compra-venda entre o Grupo Ferroatlántica-FerroGlbe e TPG-Ithaka e dos acordos comerciais entre ambas compañías, así como o número de autos do contencioso que a empresa ten interposto contra a Xunta.

Nunha proposición non de lei defendida ante a comisión parlamentaria de Industria, o portavoz de Emprego, Daniel Pérez, advertiu de que despois da aplicación unilateralmente do novo ERE, que rematou o pasado 28 de febreiro, a empresa segue funcionando cos mesmos dous fornos que antes do expediente de regulación de emprego, mentres que os traballadores reincorporados levan a cabo tarefas de limpeza e mantemento básico da planta, “sen que pola empresa nada se lles diga sobre retomar a normal actividade das factorías”.

A xuízo do deputado nacionalista, isto demostra “o absoluto desleixo da dirección por recuperar as capacidades produtivas de ambas fábricas”, algo que, segundo subliñou, ten a súa explicación en que “o único que lles interesa aos actuais propietarios son os pingües beneficios que lles reporta a explotación das centrais hidroeléctricas”.

Pérez criticou a inacción do Executivo de Feixóo ante as sucesivas solicitudes por parte do cadro de persoal de que interveña e requira a Xeal o plan de viabilidade e o respecto da cláusula esencial de vinculación de actividades, garantindo así os empregos e a actividade dos dous centros produtivos. Segundo recalcou, na reunión entre Xunta e representantes das traballadoras e traballadores celebrada en febreiro pasado, “constatouse que o Goberno galego segue sen asumir as súas responsabilidades e sen querer exercer as súas competencias, a pesar da parada produtiva dos fornos e do desmantelamento das fábricas”.

Así pois, reclamou ao Executivo “unha postura clara de defensa da actividade e dos postos de traballo” e que esixa da empresa o respecto das cláusulas de vinculación”. “Neste caso non hai gama de grises: ou branco ou negro”, incidiu, para concluír a continuación que a Xunta “ou defende o emprego e a continuidade da actividade industrial nas fábricas de Cee e Dumbría ou se prega a unha estratexia premeditada e especulativa dunha empresa ou dun fondo inversor que o único que lle interesa é esquilmar os nosos recursos enerxéticos a cambio de nada”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG