O BNG propón o Parlamento como foro de debate para dar a Galiza un status de nación

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “Hai dous camiños, o da parálise ou o do impulso político para concretar o modelo institucional que recoñeza a soberanía de Galiza”

O BNG propón o Parlamento como foro de debate para dar a Galiza un status de nación

O BNG considera imprescindible un debate “sereno e con calma” que teña como obxectivo elaborar unha proposta de novo status de nación para Galiza, e ve no Parlamento o foro idóneo para que todas as forzas concreten as súas iniciativas a partir das que formular o modelo político e institucional que recoñeza a soberanía de Galiza e permita o avance social, cultural, económico e político do país.

Partindo da premisa de que a cidadanía galega “ten a última decisión”, a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a creación dunha ponencia para albergar ese debate entre todas as forzas parlamentarias, un debate clave para o futuro do país “pois ter autogoberno real e un poder político galego forte é condición necesaria para mellorar a vida da xente, modernizarnos e parar o deterioro da nosa lingua”, indicou.

Pontón advirte que estamos ante un novo escenario marcado por unha “brutal recentralización” que, de facto, modifica o actual marco institucional pola vía de reforzar o poder do Estado baleirando de contido o Estatuto ata deixalo en papel mollado, un Estatuto que o BNG sempre considerou “un traxe pequeno”. Ante ese “novo paradigma”, en definición da portavoz nacional, só caben dous camiños.

“Un é o camiño da parálise, que significa facer perder posicións a Galiza e ao noso pobo, e o outro camiño é o do impulso político para formular unha proposta de status de nación, desde a confianza nas propias capacidades, que nos permita progresar e que sexa o resultado do que a cidadanía decida”, explicou Pontón.  “O BNG ten claro que a nosa aposta por un novo marco institucional é para romper coa dependencia de  Galiza co Estado, para establecer unha relación de igualdade, e a ningún demócrata lle pode molestar que Galiza exerza como nación libre no mundo”, alegou.

Neste sentido, Pontón deixou claro que o “devalo” do país ten entre as súas causas principais o feito de soportar un marco institucional que lle impide decidir sobre as cuestións claves da economía, da enerxía, das infraestruturas e dos dereitos sociais. Só así se explica o espolio enerxético nun país que produce electricidade a esgalla, as discriminacións na AP9 e a demora coa chegada da alta velocidade ferroviaria, ou o declive dos sectores produtivos estratéxicos baixo decisións nas que Galiza non tivo “nin voz, ni voto”.

Pontón agradeceu o apoio do grupo parlamentario de En Marea, e lamentou o voto en contra anunciado polo PP e polo PSdeG, posto que non se trataba de dar apoio á posición do BNG para unha Galiza soberana, senón que a proposta nacionalista “era para constituír unha ponencia específica para definir un novo marco político e institucional de Galiza que garanta o noso dereito a decidir e sente as bases para o progreso e o benestar do pobo galego”.