BNG propón mobilizar 2.000M€ para uns orzamentos alternativos centrados no aumento dos servizos públicos, benestar e innovación

Noa Presas
Noa Presas

Presas defendeu no Parlamento “unha saída xusta” á crise económica mediante a progresividade fiscal e a aposta pola sostibilidade, as PEMEs e o rescate social daqueles colectivos máis golpeados pola situación económica

O BNG centra o seu proxecto “coa mirada posta no mañá” cun pacto galego pola ciencia, o reforzo do sector primario, a internacionalización da cultura galega e gravames para que os beneficios das enerxéticas repercutan nun maior benestar dos galegos e galegas

O BNG defendeu na Cámara unha saída xusta á actual crise económica cun modelo de orzamentos alternativo cunha mobilización de 2000 millóns de euros centrada no reforzo da vivenda, a sanidade e a educación públicas fronte ao modelo precarizador do Goberno do PP, un modelo “convertido nunha fábrica de desculpas e escusas”, recriminou a portavoz de Orzamentos, Noa Presas. Defendeu o aumento dos ingresos mediante un reforzo dos impostos para os patrimonios máis elevados “e o remate deste pelotazo fiscal”, argumentou.

A reforma impositiva da formación nacionalista quere ser progresiva, reducindo a 300.000 o mínimo exento do imposto de patrimonio para recadar 60 millóns de euros, en contraste cos 34 millóns actuais; expuxo como obxectivo a reforma do IRPF, aumentando de cinco a oito os seus tramos para facelo máis redistributivo. Presas reclamou o reparto dos beneficios das grandes eléctricas que operan en Galiza para que paguen un canon eólico en función da potencia, gravar as redes de alta tensión e a suba do imposto por danos ambientais nos encoros. Un “cambio dos abrazos a Iberdrola polo exercicio do autogoberno”.

Unha alternativa de goberno xusta para a maioría

Coa mirada posta na maioría social,  o BNG leva na súa proposta de alternativa unha política de vivenda que grave ás vivendas baleiras de grandes propietarios, medida que abordaría “unha das principais causas de exclusión social”, ademais de penalizar as vivendas baleiras paralizadas pola especulación inmobiliaria. O BNG pon tamén o foco na mocidade cun plan de 75 millóns para axudas ao alugueiro que facilite a súa emancipación. Medida, acompañada dun aumento impositivo ás grandes superficies para a prosperidade e crecemento do pequeno comercio. Estes cambios, dixo, “sumarían un total de 180 millóns máis para reforzar os servizos públicos”.

A mirada posta na sanidade, na educación e nunha vida digna

Dentro deses servizos públicos “son elementais” o ensino e a sanidade. No primeiro, Presas defendeu un investimento de 25 millóns para bolsas anticrise e axudas directas para familias con rendas per cápita por debaixo dos 12.000 euros e a blindaxe dos comedores escolares. No caso da sanidade, “fronte a un PP que a quere converter nun privilexio” o BNG quere inxectar 500 millóns de euros para o rescate da Atención Primaria e un plan urxente de atención á saúde mental e prevención do suicidio. “Unha sociedade con máis benestar”, en especial para as mulleres, cun plan contra a violencia machista de 115 millóns.

Para o impulso dunha política solidaria, o BNG propón un plan de rescate de 200 millóns de euros co obxectivo de establecer unha nova tarxeta básica -eliminada polo Goberno do PP- e subir o complemento das pensións non contributivas. Neste sentido, propónse a creación dunha renda galega de inserción laboral que combata unha situación diaria no noso País: miles de galegas e galegos que, tendo traballo, teñen que acoder aos bancos de alimentos.

Un País que pode medrar e prosperar de xeito sostible

Este reparto de beneficios para promover a xustiza social para maioría vai acompañado do crecemento económico, cun “pacto galego pola ciencia” co 3% do orzamento e aposte pola innovación tecnolóxica e o coñecemento; un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial e o fomento dos sectores punteiros, cunha estratexia de fomento da bioeconomía e un modelo enerxético adaptado á crise climática. Ademais, argumentou, é preciso un apoio directo ás pequenas e medianas empresas (PEMEs) e entender o sector primario como fonte de riqueza para as galegas e galegos.

O BNG, explicou a portavoz de Orzamentos, “traballa deste xeito para as urxencias de hoxe coa mirada posta no mañá”, e nese futuro hai unha clara aposta polo tecido cultural como embaixador de Galiza no resto do mundo. Así, Presas expuxo a proposta dun plan de internacionalización da cultura galega, outro de reactivación do seu tecido produtivo, e un plan de normalización lingüística para que a lingua sexa ferramenta de uso común de todas as galegas e galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG