O BNG propón unha mesa de traballo galega para sacar adiante unha solución de futuro para ENDESA

Noa Presas
Noa Presas
Presas: “200.000 euros de ENDESA para González e 126.000 euros de Naturgy para Aznar explican como chegamos até aquí. Nin PP, nin PSOE son inocentes”

Ante a falta de solucións desde o Estado, o BNG propón ao Goberno da Xunta a constitución dunha mesa de traballo de ámbito galego na que se senten todos os actores implicados e sacar adiante unha estratexia propia e xusta de transición enerxética.

A portavoz de Industria, Noa Presas, reprochou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, que limitase a súa comparecencia a queixarse e criticar o Goberno de Sánchez, pero sen traer solucións ou alternativas por parte do Executivo de Feixóo, -ausente no debate-. “Debería estar aquí para escoitar, porque hai unha crise industrial gravísima: Ferroatlántica, sector naval de Vigo e de Ferrol, As Pontes e ALCOA, o peche da histórica Isowat”, enumerou.

Previamente a formular a proposta do Bloque, Presas preguntouse como se chegou a esta crise industrial.  “Como chegamos até aquí? Nin a Xunta nin o Estado son inocentes, nin PP nin PSOE son inocentes, porque, por exemplo, ENDESA foi unha empresa pública e agora é unha empresa pública pero italiana grazas a señores (Felipe) González e (José María) Aznar”.

A deputada nacionalista fixo referencia ao custe das portas xiratorias: “126.000 euros de Naturgy para Aznar, 200.000 de ENDESA para González, e hoxe a primeira pecha a central de Meirama e a segunda a de As Pontes. Quen paga este proceso, os galegos e as galegas, a ENDESA e a Naturgy impórtalles un pito o emprego en Galiza, hai que poñer negro sobre branco de como chegamos a esta situación, levan dez anos sen facer nada e non teñen folla de ruta, nin teñen, pese as reclamacións do BNG, unha estratexia de transición enerxética”.

“Chegamos a este punto tamén polo agravio da asignación de recursos pola extracción de carbón a Galiza, foi Raxoi quen incumpriu o 50% do plan de carbón e foi co Goberno do PP cando se eliminou a Galiza do último plan do carbón, por unha decisión política. As Pontes carecen de solo industrial, o que lles fixo perder oportunidades, no fixeron nada uns e outros, sen defender nada porque llo impedían desde Madrid e polo seu escaso peso político”, denunciou Presas.

De feito, “non lle di nada sobre o escaso político do señor Feixóo que leve dezaseis meses esperando a que o Goberno do Estado aprobe o estatuto para as empresas electrointensivas ou que leven tres meses a ser recibidos pola dirección de ENDESA”.

“Tendemos a man para que haxa diálogo e visto que nesa mesa de ámbito estatal non o toman en serio fagamos unha mesa de traballo desde aquí, desde Galiza con todos os sectores implicados e acordemos unha proposta de país que defender ante o Estado”, propuxo Presas en nome do BNG.

“Senón nos podemos fiar do Estado, daquela conformemos unha mesa de negociación galega porque se esperamos que decidan desde Madrid mal nos vai ir se deixamos que decidan por nós”, advertiu a deputada finalizando cun compromiso: “as persoas de As Pontes e Cerceda, no BNG faremos o posible porque este país xa ten saído de moitas".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG