O BNG propón unha mesa de traballo para definir o uso dos terreos da estación de autobuses de Ourense

Ana Pontón e AAVV As Termas
Ana Pontón e AAVV As Termas

A mesa de traballo estaría composta pola veciñanza, concello de Ourense e Xunta de Galiza.

Pontón defende unha intermodal sen racaneos porque marcará a calidade dos servizos de transporte na cidade das Burgas para un século. A portavoz nacional considera que ningún cambio de Goberno xustifica retrasos nun calendario de obras xa programado por ADIF en materia ferroviaria

O BNG vai trasladar ao Parlamento a creación dunha mesa de traballo integrada pola Xunta, Concello de Ourense e a veciñanza do Barrio da Ponte para abordar, desde o diálogo e a transparencia, os futuros usos que deben ter os terreos que ocupa a estación de autobuses, unha vez que se poña en marcha a estación intermodal.

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou esta proposta despois do encontro mantido cunha nutrida representación da Asociación Veciñal As Termas, que aglutina a un millar de persoas que viven nos edificios limítrofes a estación, e  quere converte eses terreos nunha oportunidade de mellora para un barrio saturado de tráfico e necesitado de servizos.

“Debe ser un espazo público e debe aproveitarse para transformar e mellorar a calidade de vida do barrio, e para iso fai falla transparencia e participación, de aí esta proposta de creación dunha mesa de traballo para definir os futuros usos dese espazo”, salientou Pontón. “Pensamos que esa é a maneira de facer as cousas, poñendo no centro as demandas da veciñanza que quere deixar atrás un modelo de barrio caduco deseñado para o coche en lugar de para os residentes”.

No encontro, -ao que asistiron a deputada Noa Presas e os responsables locais, Luís Seara e Xosé Baltar-,  tamén se abordou a demanda veciñal de transformar a N-120 nun tramo urbano “que debe ser obxecto dunha remodelación urxente enfocada cara as persoas e unha conexión con outros barrios e coa zona termal”.

Ana Pontón e AAVV As TermasTendo en conta que a desafectación dos terreos da estación de autobuses está ligada a posta en marcha da estación intermodal, o BNG amosou a súa preocupación pola proposta á baixa que defende o PP para esta infraestrutura, que será clave para o futuro da cidade.

“Ourense non pode ser tratada como unha cidade de segunda e hai que deixar claro que unha intermodal non é unha estación de tren á que se lle coloca un apeadeiro para autobuses, e por engadindo unha rotonda que vai saturar de tráfico un centro de saúde”, criticou Pontón.

“Esta infraestrutura hai que pensala porque o seu deseño e execución marcarán a calidade do servizo de transporte en Ourense para o vindeiro século, e non se pode racanear para reducir a un apeadeiro o que debe ser unha intermodal do século XXI para esta cidade”, subliñou.

Ferrocarril no interior

Neste contexto, a dirixente do Bloque tamén fixo referencia á repercusión que o cambio de Executivo no Estado pode ter nas infraestruturas previstas para Ourense e para o conxunto de Galiza.

“Non entendemos que un cambio de Goberno supoña un cambio na programación de infraestruturas que dependen de ADIF, e o que pedimos en materia ferroviaria e que se cumpran as datas de chegada do AVE, a modernización do tren nas provincias do interior e que se cumpra o compromiso de abaratar as tarifas de tren entre Ourense e as cidades do Eixo atlántico”. “Hai que facer forza desde Galiza para reclamar un trato xusto na modernización do ferrocarril”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG