PARLAMENTO GALEGO

BNG propón medidas para mellorar o sistema de emerxencias, logo do seu deficiente funcionamento durante a pandemia

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés avoga por revisar datos e mapa de riscos, actualizar o sistema e os plans derivados do mesmo e a coordinación integral nun mando único  
BNG propón medidas para mellorar o sistema de emerxencias, logo do seu deficiente funcionamento durante a pandemia

BNG propuxo no Parlamento galego un conxunto de medidas para mellorar o sistema de emerxencias de Galiza, logo que, segundo o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, a pandemia evidenciara o seu mal funcionamento “por unha deficiente planificación e organización do propio sistema”.

Durante a comparecencia do director xeral de Emerxencias e Interior en comisión parlamentaria, Tabarés advertiu que a Lei de Emerxencias de 2007 sobre o que se fundamenta todo o sistema aínda está pendente de desenvolvemento integral e que o PLATERGA (Plan Territorial de Emerxencias de Galiza) está completamente desactualizado e carece de previsions fronte a potenciais riscos.

Neste sentido explicou que o plan quedou ancorado en 2009, sen ter en conta nin a evolución do asentamento poboacional, nin das vías de comunicación terrestre e do seu estado, por poñer dous exemplos de especial relevo neste ámbito. “A realidade variou, mais o PLATERGA segue no 2009; sen unha correcta descrición, mal pode haber unha política de emerxencias axeitada”, alertou.

De igual xeito, engadiu que a propia evolución social e tecnolóxica xera tamén unha necesaria revisión do mapa de riscos e aínda que considerou que non é exixible a previsión dunha pandemia destas dimensións, tampouco é aceptable “a omisión total e absoluta de medidas ante unha emerxencia sanitaria, cuxa posibilidade si estaba legalmente prevista”.

Logo de repasar as numerosas deficiencias rexistradas dende a chegada do virus -como a subministración tardía e en mal estado do material de protección ou a máis que evidente mala coordinación cos concellos coa sistemática falta de información e a derivación de obrigas ao ámbito municipal-, o deputado nacionalista concluíu que as eivas na xestión desta crise “evidenciaron a necesidade dunha correcta planificación, partindo de datos actualizados, dun completo mapa de riscos e da coordinación dos recursos existentes para facer fronte aos mesmos”.

Así pois, avogou por acometer a coordinación integral das emerxencias nun mando único, asumir a xestión pública dos servizos de emerxencias e a profesionalización dos mesmos e, por suposto, a actualización normativa do sistema de emerxencias e dos plans consecuencia dos mesmos. “Vostedes fixeron que a cidadanía galega enfrontase unha pandemia sen armas nin planificación; agardamos que escoiten e aprendamos para o futuro”, rematou.
 

BNG propón medidas para mellorar o sistema de emerxencias, logo do seu deficiente funcionamento durante a pandemia