O BNG propón investir 40 millóns de euros para subir en 100 euros mensuais as pensións máis baixas

Montse Prado
Montse Prado

O BNG defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para mellorar as prestacións das 786.831 persoas pensionistas galegas, que inclúe a derrogación das contrarreformas laborais, a volta aos 65 anos como idade de xubilación, un incremento das contías cando menos no equivalente ao IPC e que o calculo da prestación se faga sobre os 15 anos de cotización que máis favorezan ao traballador ou traballadora.

Pero “a parte de poñer deberes ao Goberno do Estado”, indicou a deputada Montse Prado, a iniciativa do Bloque inclúe unha proposta que depende só do Goberno da Xunta: Investir 40 millóns de euros en mellorar as pensións non contributivas, as máis baixas de todas cunha contía mensual de 377€, que ten a 40.000 pensionistas, a maior parte mulleres, por debaixo do umbral da pobreza.

Con eses 40M€, dun orzamento autonómico que supera os 9.000M€,  as pensións non contributivas terían un incremento de cen euros ao mes, o que suporía un pequeno alivio para este colectivo.

Prado, deputada nacionalista encargada de defender a iniciativa lexislativa, indicou que as contrarreformas laborais “están contribuíndo ao empobrecemento de todos os pensionistas galegos”, e lembrou que a loita de sindicatos como a CIG polo sistema público de pensións “ven de lonxe” e mesmo chegou a presentar 14.000 sinaturas en defensa do sistema público de pensións no Parlamento galego.

A deputada acusou ao PP “de promover os sistemas privados xestionados polos bancos, atemorizando a opinión pública sobre o futuro, tentando asentar a idea de que o sistema está en risco polo aumento da esperanza de vida e a diminución de cotizantes á Seguridade Social. A súa estratexia é estender a alarma social pregoando que non haberá recursos no medio prazo”, criticou.

Prado lembrou que o caso de Galiza ten como especificidades o feito de que presenta unha maior porcentaxe de pensionistas sobre o conxunto da poboación, que ten as segundas pensións máis baixas do Estado, que case un 60% das persoas preceptoras teñen unha prestación por debaixo do SMI e o diferencial de 15 puntos á respecto da media non deixou de medrar desde 2009 coa chegada de Feixóo á Xunta. O PP xa avanzou que non apoiaría a PNL do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG